SANTIAGO DE COMPOSTEla/VITORIA 7 Feb. (EUROPA PRESS) -
Os responsables de Política lingüística do Goberno vasco, a Generalitat de Catalunya e a Xunta de Galicia, en representación dos tres gobernos, presentarán o próximo venres no Salón sobre linguas, cultura e intercambio internacional-Expolangues, que se celebra en París dende mañá e ata o próximo sábado 9 de febreiro, a 'Declaración de París pola pluralidade lingüística'.
A devandita Declaración, que se sitúa no marco do ano internacional das linguas e responde ao protocolo de colaboración subscrito polas tres institucións en materia de política lingüística, presentarana o viceconselleiro de Política Lingüística do Goberno vasco, Patxi Baztarrika; o secretario de Política Lingüística da Generalitat, Bernat Joan; e a secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta, Marisol López.
No caso concreto de Galicia, o departamento autonómico imparte clases de galego e sorteará unha bolsa para pasar unha tempada na comunidade co fin de aprender o idioma. Tanto as clases de galego como a bolsa constitúen algunhas das actividades programadas pola Xunta para a promoción do galego e a "posta en valor" do plurilingüismo estatal.
Neste contexto, unha das principais novidades que o expositor conxunto trasladará aos visitantes será a promoción do "turismo lingüístico" ou "vacacións idiomáticas", o que vinculará viaxe e idioma, revelaron as mesmas fontes a Europa Press.
VISITANTES
Os organizadores do salón sobre linguas, cultura e intercambio internacional Expolangues esperan recibir este ano máis de 25.000 visitantes, dos que a metade serán profesionais como investigadores en temas lingüísticos, profesores universitarios, tradutores, expertos en formación continua, estudantes e xente interesada no mundo das linguas.
Este ano Expolangues contará con máis de 20 países que presentarán un total de 60 linguas en preto de 200 expositores, en todos os cales poderanse consultar libros e materiais multimedia relacionados coas linguas, o seu ensino e os intercambios culturais.
Na actualidade, existen dous centros no país galo no que se pode estudar galego; na Universidade de Rennes (na Bretaña francesa) e na Universidade da Sorbonne de París. Precisamente, este último centro colabora na atención formativa do expositor da feira parisiense.
Ademais, na propia capital francesa tamén se pode estudar galego no Instituto Cervantes, que fomenta as linguas de todo o estado español.