O Movemento polos Dereitos Civís lamenta a resolución do Valedor porque "avala unha decisión ilegal" do rexedor vigués VIGO 11 Mar. (EUROPA PRESS) -
O Valedor do Pobo, Benigno López, aceptou as explicacións do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e decidíu pechar o expediente de investigación aberto, a petición do Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) e da Federación de Asociacións de Veciños da cidade, sobre supostas irregularidades no acceso ao Pleno no que se aprobou o Plan Xeral de Ordenación Municipal.
Segundo confirmaron a Europa Press fontes desta institución, o Valedor solicitou un informe do acontecido ao Concello de Vigo, unha vez que recibiu as denuncias destes dous colectivos, que acusaron o rexedor de violar os seus dereitos por impedir o acceso dos cidadáns ao Pleno no que se aprobou o plan urbanístico, e de permitir a entrada só a simpatizantes e militantes do PSdeG.
Na súa resposta, o rexedor sinalou que "non existe vulneración dos dereitos fundamentais dos veciños" e recoñeceu que se estableceron medidas "de ordenación" no acceso ao Pleno, aínda que, en todo caso, precisou que as devanditas medidas "non foron en ningún caso discriminatorias", senón que pretendían "asegurar a presenza das persoas que chegaron primeiro e evitar situacións de violencia".
Ademais, o Concello de Vigo tamén remitiu un dos informes policiais asinado polo intendente da Policia Local sobre o acontecido. Á vista desta información, argumenta o Valedor na súa resposta á Federación Veciñal e ao MpDC, dáse "por concluso" o expediente de queixa aberto e procédese ao seu arquivo.
En todo caso, as fontes consultadas por Europa Press aclararon que o arquivo da devandita queixa tamén se fundamenta no feito de que existe un procedemento xudicial aberto polo acontecido, con denuncias de varios colectivos veciñais, a Asociación de Peritos Inmobiliarios e o PP. Neses casos, segundo a Lei do Valedor, esta institución non debe actuar cando existe un proceso nos tribunais.
REACCIÓN.
O MpDC lamentou que, coa súa decisión, o Valedor "avala a decisión ilegal de Abel Caballero de prohibir o acceso a un pleno municipal" e critica que Benigno López "non tivo interese real por realizar unha investigación en profundidade".
Así mesmo, denunciaron que o Valedor "se desentende das súas tarefas" sen comprobar as "escusas" transmitidas polo Concello de Vigo, ao tempo que recordan que esta decisión é contraditoria coa actitude da Fiscalía da cidade, que aceptou as denuncias presentadas por estes e outros colectivos.
O MpDC pediu ao Valedor que "se tome en serio as súas funcións como garda dos dereitos e liberdades dos cidadáns galegos", en lugar de "ocultar e validar as accións ilegais e delituosas doutras administracións públicas". Nese sentido, demándanlle que "realice as comprobacións necesarias e verifique a veracidade dos informes" que envían os concellos.