O 48% de fogares galegos chega con "dificultade" a fin de mes

Facturas, morosidad
EUROPA PRESS
Actualizado: lunes, 4 enero 2016 19:56

O indicador de confianza do consumidor sitúase 3,12 puntos por debaixo do trimestre anterior nos últimos meses de 2015

   A CORUÑA, 4 Ene. (EUROPA PRESS) -

   O 48,25% dos fogares galegos chega a fin de mes con "dificultade" e un 8,84% faino con "moita dificultade" fronte a un 42,91% que o fai con "facilidade ou moita facilidade", segundo a Enquisa Coxuntural de Fogares (EFC) que publica este luns o Instituto Galego de Estatística relativa ao último cuatrimestre de 2015.

   Con respecto ao trimestre anterior, prodúcese un incremento de 1,91 puntos na porcentaxe de fogares que chega con "facilidade ou moita facilidade" a fin de mes. A porcentaxe dos que chegan con dificultade cae 1,56 puntos, mentres que as dos fogares que chegan con moita dificultade baixa 0,35 puntos.

   En relación ao cuarto trimestre de 2014, a porcentaxe de fogares que chega con dificultade a fin de mes diminuíu 2,06 puntos e o de fogares que o fai con moita dificultade aumentou 0,25 puntos.

   Mentres, a porcentaxe de fogares que chega con facilidade ou moita facilidade aumentou 1,81 puntos no cuarto trimestre do pasado ano respecto ao mesmo período do ano anterior.

SEN GASTOS "EXTRA"

   Por outra banda, o 23,48% dos fogares galegos non se permitiu "ningún extra" nos últimos tres meses. En concreto, segundo recolle esta enquisa, como "extra" considéranse os gastos destinados a vacacións ou viaxes, facer fronte a imprevistos ou grandes compras e extras de alimentación, roupa ou calzado.

   Tamén se inclúe nesta categoría poder aforrar e traballar menos horas ou que algún membro do fogar "se permita deixar de traballar", explica a enquisa. Ademais, o 14,18% dos fogares galegos cambiou os seus hábitos de compra, adquirindo marcas brancas ou produtos de oferta.

   "Esta foi a medida económica máis habitual empregada polos fogares para reducir os gastos, aumentar os ingresos ou afrontar pagamentos no cuarto trimestre de 2015", subliña a enquisa. Así mesmo, o 13,43% dos fogares galegos diminuíu gastos comúns como roupa ou calzado e transporte.

   Con todo, o 67,40% dos fogares galegos recoñecen ter pensado saír a cear, a cafetarías, ir ao cinema ou ao teatro nos próximos tres meses. O 49,58% ten previsto facer algún extra en produtos de alimentación, o 35,80% aforrar "algo" en diñeiro e o 17,81% facer algunha compra extraordinaria en roupa ou calzado.

   Por outra banda, o 18,12% dos fogares galegos está a pagar a vivenda principal que compraron, o 7,81% o coche e o 1,98%, unha segunda vivenda.

CONFIANZA DO CONSUMIDOR

   De acordo coa Enquisa Coxuntural a Fogares, no cuarto trimestre de 2015 o indicador de confianza do consumidor reflicte un valor de -11,81 puntos, 3,12 puntos por debaixo do referido ao trimestre anterior.

   Nos últimos tres meses do ano pasado, diminuíron todos os indicadores parciais de perspectivas de evolución, o referido á situación financeira persoal (1,60 puntos); o de desemprego (3,28 puntos); o de situación económica en Galicia (3,63 puntos) e o de capacidade futura de aforro (3,99 puntos).

   O indicador de confianza do consumidor varía en función do intervalo de ingresos do fogar. Os que teñen menos ingresos medios mensuais son os que presentan valores máis baixos, mentres que a confianza aumenta ao incrementarse os ingresos do fogar.

   Así, no caso dos que teñen ingresos de menos de 600 euros ao mes alcanza o valor de -31,56, mentres que nos fogares con ingresos por enriba de 3.000 euros o indicador se sitúa en 16,52, segundo recolle a enquisa.