Alexandra Fernández lembra que o BNG "non quixo" participar nas mareas pero distingue entre dirección e militancia

Alexandra Fernández, portavoz de En Marea
EUROPA PRESS
Actualizado: lunes, 25 enero 2016 19:51

SANTIAGO DE COMPOSTELA 25 Ene. (EUROPA PRESS) -

A portavoz da agrupación parlamentaria de En Marea, Alexandra Fernández, lembrou que o BNG "non quixo participar" até agora nos procesos municipalistas nin na coalición das galegas En Marea, pero diferenciou entre a dirección da formación frontista e a súa militancia.

"Aquí leva dando un proceso de acumulación de forzas que a cidadanía valora positivamente; desde as municipais, as mareas están a alcanzar uns bos resultados e xa non é unha cuestión de partidos, é algo que desborda ás propias organizacións", explicou en relación ás autonómicas que se celebrarán este ano en Galicia. "Por iso sempre defendemos que En Marea é un suxeito político", apostilou, a preguntas dos medios, en rolda de prensa este luns.

Así, a deputada no Congreso defendeu "seguir avanzando, tamén por responsabilidade á xente que votou, que apoiou a confluencia" para seguir "traballando xuntos". "Sobre todo, por responsabilidade a seguir impulsando, animar a seguir participando cara a un goberno que vai ser a alternativa" ao PP, incidiu.

Desta maneira, Alexandra Fernández manifestou que "os militantes do Bloque serán benvidos", pero precisou que "outra cousa que está clara é que o BNG non quixo participar nos procesos municipalistas e tampouco nesta candidatura".

"E neste caso, entendo que, non os militantes do Bloque, senón a dirección do Bloque, que é a que moitas veces está a tomar posicións sen esa consulta real", precisou, antes de engadir que "está claro que En Marea é a alternativa" para o Goberno da Xunta e "hai qeu seguir impulsando" o proceso de confluencia.

A deputada por Pontevedra insistiu en que "a suma, multiplica", non só no que se refire á dinámica electoral, senón tamén no "traballo". "Conseguimos superar a suma de partes para empezar unha dinámica, traballar todos cun obxectivo" para Xunta, sentenciou.