Actualizado: jueves, 20 mayo 2010 19:17

Os pais si informarán en Infantil sobre a lingua materna dos seus fillos e Feijóo confía en ter lista este ano a nova lei

SANTIAGO DE COMPOSTEla, 20 May. (EUROPA PRESS) -

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que o decreto do plurilingüismo no ensino non incluirá a consulta aos pais nas etapas de Primaria e Secundaria, aínda que prometeu que esta será posible "antes de que finalice a lexislatura", xa que o Goberno galego impulsará unha lei que "garanta" a participación dos pais na educación.

"Queremos democratizar a Administración educativa e que a participación dos pais teña respaldo legal", defendeu Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que aprobou na súa reunión de hoxe o novo decreto do idioma no ensino. Este será publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) nos próximos días e entrará en vigor o próximo curso 2010-2011, substituíndo o de 2007, aprobado o bipartito.

A Xunta, explicou o presidente, retira a consulta en Primaria e Secundaria por "falta de cobertura legal", despois de que o Consello Consultivo ditaminase que podería vulnerar preceptos constitucionais e alertase de indicios de ilegalidade e tras coñecer o informe da Asesoría Xurídica. En ambas as dúas etapas garantirase o "equilibrio" lingüístico "con criterio pedagóxico".

Fronte a iso, o decreto do plurilingüismo mantén a consulta aos proxenitores sobre o idioma en Educación Infantil, cunha "precisión" na redacción orixinal do artigo, xa que, segundo explicou Feijóo, "hai xurisprudencia" que a "avala", en referencia ao Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña e ao Tribunal Supremo.

"Cada ano, en Educación Infantil, os pais informarán á Xunta sobre cál é a lingua materna dos seus fillos e será vinculante", detallou Feijóo, quen advertiu de que o texto final impulsado por Educación é fiel á "palabra dada" xa que "incorpora" as consideracións do Consultivo e respecta os "compromisos electorais".

Así, reivindicou que o novo texto "garante" o equilibrio lingüístico no ensino e a "competencia plena" nos dous idiomas cooficiais na comunidade --galego e castelán-- ao termo "de cada etapa educativa". Tamén resaltou que "inclúe" a introdución dunha lingua estranxeira e avala a "liberdade" dos alumnos para dirixirse ao profesor ou realizar os exames na lingua que elixan.

LEI PIONEIRA EN 2010

Na súa intervención, Feijóo remarcou que o decreto inclúe "a máxima participación posible" das familias na elección do idioma no que estudan os seus fillos --en Infantil--, pero reafirmouse nun Estado "democrático" os pais teñen "dereito a ser consultados" no conxunto das etapas e que teñan unha participación activa na Educación. "Os que financian o ensino teñen dereito a ser escoitados", apostilou.

Con tal fin, avanzou que unha vez se poña en marcha o decreto, o Goberno galego elaborará unha lei para "mellorar" a convivencia nos centros, "coidar" o papel e a autoridade dos docentes, e dotar "de maior participación" os pais non só na elección do idioma no que estudan os seus fillos senón no conxunto dos procesos educativos.

"Queremos resolver o problema de alegalidade que o Consultivo pon en cuestión no decreto", subliñou o xefe do Executivo, quen incidiu en que será o Parlamento que "autorice ou non" se se fai esta ou outras consultas. O seu obxectivo é ter "antes de rematar o ano" esta lei pioneira xa que, segundo apuntou, "non hai ningunha similar" noutras comunidades.

Con todo, asegurou que unha vez que se aprobe esta norma non será necesario modificar de novo o decreto para adaptalo a esta e insistiu en que os pais de Primaria e Secundaria serán consultados sobre a lingua "esta lexislatura". É máis, subliñou que el "non está de acordo" conque a Administración do Estado "lle teña que dicir ás comunidades como poden ou non consultar".

IMPOSIBLE "CONSENSUAR" O DECRETO

Preguntado pola consulta en Infantil que xa recolle o texto autorizado hoxe, o xefe do Executivo galego rexeitou que "unha casa" nos sobres de matrícula vaia supoñer un incremento de custos e asegurou que ascender a lingua "vai máis alá dun decreto ou dunha idade concreta".

Por último, cuestionou aos que denominan os membros do seu Goberno "inimigos do galego". "¿Por que non inimigos do castelán?", preguntouse, en referencia ao equilibrio que defende, e asegurou que foi imposible "consensuar" o decreto con PSdeG e BNG porque "non fixeron ningunha alegación".

Ao respecto, Núñez Feijóo criticou as "manifestacións previas" da oposición contra a súa política lingüística e alertou de que o "sistema" que propón o BNG é "a inmersión". "E o PSOE en Galicia di que o seu sistema é o do BNG", lamentou.

Más noticias