Gayoso dice que no tomó decisiones en Novacaixagalicia
EUROPAPRESS
Actualizado: jueves, 26 julio 2012 15:54

Puntualiza que "quen se opuxo" á unión con Caixa Galicia "foi o consello" de Caixanova e elude falar de preferentes ou indemnizacións

MADRID/SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Jul. (EUROPA PRESS) -

O expresidente de Caixanova e excopresidente de Novacaixagalicia, Julio Fernández Gayoso, asegurou que "nunca" tivo o informe sobre a fusión das caixas galegas encargado pola Xunta a KPMG, posto que non se lle facilitou á entidade, e alegou que non tomou decisións dende que pasou a ser presidente da entidade do Sur en 2006 nin unha vez constituída Novacaixagalicia --froito da integración-- porque as súas funcións non eran executivas.

Así díxoo durante a súa comparecencia na Comisión de Economía e Competitividade do Congreso dos Deputados, na que eludiu falar do escándalo das preferentes por tratarse dun tema que está en proceso xudicial, do mesmo modo que evitou pronunciarse sobre as indemnizacións millonarias a exdirectivos da caixa fusionada porque están sendo investigadas pola Audiencia Nacional --el mesmo está imputado pola súa suposta participación para facer os contratos blindados dos exexecutivos--.

Ademais, os deputados dos diferentes grupos repetiron preguntas acerca de por qué Fernández Gayoso accedeu a acometer a fusión. "A auditoría dicía que era viable. Todo o mundo sabe que a vostede lla impuxeron, ¿quen lla impuxo e con qué condicións?", interrogou Miguel Cortizo, representante do PSOE. O que era presidente de Caixanova replicou: "Quen se opoñía á fusión era o consello de administración da caixa, do que eu formaba parte".

Neste sentido, rexeitou "volver abrir en canle o tema da fusión e do informe de KPGM". "Eu non o teño, nunca o tiven, non nolo facilitaron á caixa", espetou e insistiu en que volver sobre as decisións que levaron á fusión de Caixa Galicia e Caixanova "é un camiño que non conduce a ningunha parte porque está feita".

"Pode ter a seguridade de que na miña caixa mandaba o consello, non eu. Eu facía propostas e o consello aprobaba unhas e outras non", incidiu a este respecto.

"O que me preocupa agora é que o banco que se creou sexa un banco solvente", dixo, para logo eloxiar a profesionalidade dos seus actuais xestores e consello de administración. "O único que eu desexo é que esa entidade teña éxito e confío en que o teña", agregou.

Durante a súa comparecencia, a pesar das peticións dos grupos, Gayoso non quixo falar das preferentes, e limitouse a recoñecer que é un problema social "de consecuencias enormes" e que solo falará se o chama a Fiscalía. En calquera caso, destacou que se suma ao comentario eloxioso do deputado do PP Fernando López Amor sobre a orientación dada polos actuais xestores. "Esa vía pode axudar a reenfocar, con solucións satisfactorias, boa parte do problema", sinalou e engadiu: "Non é que evite dar a miña opinión, é que non podo opinar sobre un tema sub iúdice".

En calquera caso, celebrou que en Europa se tomaran decisións satisfactorias e se admitira a arbitraxe. En canto ás indemnizacións dos exdirectivos --por prexubilacions e polas cláusulas de blindaxe dos contratos--. Gayoso indicou que cando o citen irá contestar as preguntas que lle fagan na Audiencia Nacional, pero agora non pode facer consideracións. "Paréceme que é xusto que diga aquí que non cobrei nin un euro nunca nin pola miña xubilación hai seis anos nin despois de seis anos", destacou, non obstante.

"NON TOMEI NINGUNHA DECISIÓN PERSOAL"

Gayoso sostivo que os seus cargos dende 2006 foron "institucionais e representativos" e recordou que Novacaixagalicia non tiña poderes no consello de administración e que, polo tanto, non tomou nin unha decisión persoal "porque non podía". "Non quero evitar responsabilidades, pero si situar as cousas nos seus xustos termos", dixo, tras asegurar que solo falou de Caixanova porque non ten lexitimidade para falar en nome de Caixa Galicia nin Novagalicia Banco.

De feito, Gayoso dedicou toda a súa intervención inicial a repasar as cifras de Caixanova e Novacaixagalicia, pero sen facer nin a máis mínima referencia á petición de axuda ao Fondo de Reestruturación ordenada Bancaria (FROB) nin ao escándalo das preferentes.

Gayoso empezou polas cifras de Caixanova en 2008 e 2009, cando a caixa estaba a tomar un posicionamento que "seguro" que outras caixas tomarán no futuro. De feito, Gayoso advertiu de que a necesidade de corrixir o exceso de endebedamento provocará un "intenso proceso" de desapancamento durante un período de tempo considerable. "Non é un problema dun ano, non se vai arranxar nun curto prazo", alertou.

FUSIÓN

En 2010, segundo o excopresidente de Novacaixagalicia, produciuse a fusión nun dos momentos máis "convulsos" do sistema financeiro para fortalecer o sistema financeiro autóctono e para dar, sobre todo, servizos de banca minorista e seguir mantendo a obra social. A partir de entón non deu máis explicacións, ao considerar que corresponde xa a Novagalicia Banco.

En canto á exposición da caixa ao sector inmobiliario, o exdirectivo asegurou que o número de oficinas de Caixanova nos territorios españois máis sometidos a criterios especulativos "non alcanzaba nin o 8% do total da rede, polo que esa non é a causa da crise da entidade".

HONRADEZ E RESPOSTAS

Durante a quenda de preguntas, o deputado socialista Miguel Ángel Cortizo, pediu a Gayoso un "xesto de honradez" e que explique aos cidadáns toda a verdade, "pois non se comprende como con eses números tan estupendos que presentou, a entidade vaia necesitar máis de 10.000 millóns de euros do FROB". "A parte da súa competición con Lewis Carroll boto en falta que contara algo de preferentes", dixo e indicou que tras a súa longa traxectoria rematou imputado e saíu "a patadas" da entidade.

"Se dende esta Cámara lle seguimos enviando esta mensaxe á cidadanía, non vai ser suficiente coas valla de aí fóra, imos necesitar un foso de leóns, ou con quenllas financeiras", subliñou Cortizo, quen asegurou que a xente vai pensar que lle está a tomar o pelo" porque as comparecencias non están a servir para esclarecer o sucedido no sector financeiro español.

Por parte do Grupo Mixto, a deputada do BNG Olaia Fernández Davila esixiu "respostas" e recordoulle a Gayoso que el "ten moita responsabilidade" sobre o que acontece, aínda que deixara de ter esa representación". "Para que vostede fose presidente da nova entidade houbo que modificar a lei de caixas", subliñou e pediulle que "asuma a responsabilidade que lle corresponde".

Ademais, defendeu a postura do BNG --en caso de ser necesaria unha fusión, preferían a galega-- e preguntou tamén pola comercialización de preferentes.

Segundo López Amor, Fernández Gayoso equivocouse na súa comparecencia, "pois debuxou un mundo feliz onde todo é fantástico". O deputado popular non se explica como, despois da exposición do ex copresidente de NovacaixaGalicia, "o 90% da caixa estea agora en mans do FROB" e comparou o seu "laudatio persoal" coa actuación dun toureiro "que se gusta mentres torea pero á hora de entrar a matar o touro váiselle ao curral".

Ademais, acusouno de "pecar de cobiza nos anos de vacas gordas" e criticou que, dende unha formulación "ético", é "inaceptable" que os exdirectivos recibiran indemnizacións millonarias. "Gustaríame que non pase nada xudicialmente, pero deben ser responsables, renunciar e devolver o que xa cobraron ao erario público," pediu e deslizou a cuestión de que se Caixanova "era tan boa", Caixa Galicia "debía de ser a mala, porque entrou o FROB".

Más noticias