Arde un autobús urbano de Vigo nas instalacións da empresa Vitrasa

Actualizado: martes, 28 septiembre 2010 15:07

Un incendio por un curtocircuíto calcina unha vivenda deshabitada en Crecente (A Coruña)

VIGO, 28 (EUROPA PRESS)

Un autobús do servizo de transporte urbano de Vigo, da empresa Vitrasa, ardeu esta madrugada dentro das instalacións da compañía, situadas na Estrada de Camposancos, segundo informaron a Europa Press fontes de Bombeiros de Vigo, os que indicaron que os feitos están sendo investigados polas forzas de seguridade.

Os Bombeiros trasladáronse ao lugar sobre as 3.00 horas e comprobaron que nas cocheiras de Vitrasa ardía un autobús que estaba pegado a un muro. A actuación dos efectivos de extinción durou aproximadamente unha hora e, segundo explican, foi necesario empregar escuma para sufocar o lume. En canto ao autobús afectado, ardeu completamente, segundo indicaron.

Pola súa banda, fontes da Policía Nacional confirmaron que se abriu unha investigación para esclarecer os feitos e indicaron que no lugar actuaron efectivos das policías Nacional e Local, bombeiros así como o propio persoal de Vitrasa.

Fontes da empresa precisaron a Europa Press que o lume aconteceu sobre as 2.00 horas e que o vehículo máis afectado quedou completamente queimado. Este autobús tiña dous anos de antigüidade e está valorado en 220.000 euros.

Ademais, outros dous autobuses sufriron leves danos. En canto ás causas do incendio, a compañía indica que será a investigación policial a que as determine.

INCENDIO EN CRECENTE

Por outra banda, unha casa ardeu na noite do luns como consecuencia dun incendio urbano rexistrado no lugar de Ameixeira, no municipio coruñés de Crecente.

Segundo explicou a Central de Emerxencias 112-Galicia a Europa Press, o suceso aconteceu sobre as 21.53 horas do luns nunha vivenda pareada situada no lugar de Ameixeira que se atopaba baleira.

O lume, que presumiblemente se orixinou por un curtocircuíto, xerou certa alarma no pobo e calcinou por completo a vivenda na que se orixinou. Para sufocalo, desprazáronse ao lugar dos feitos efectivos do Grumir e dos Bombeiros de Ponteareas, así como do servizo contra incendios forestais da zona.