Asociación en Defensa da Sanidade Pública acusa á Xunta de "intentar introducir o copagamento" pola "porta de atrás"

Actualizado: martes, 8 noviembre 2011 17:10

O PSdeG denuncia que "sen ningún tipo de tapuxos" o Sergas vaia a "cobrar aos cidadáns por mal uso da sanidade pública"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 8 Nov. (EUROPA PRESS) -

A Asociación en Defensa da Sanidade Pública acusa á Xunta de "intentar introducir o copagamento pola porta de atrás" na asistencia sanitaria a través do decreto que establece as tarifas dos servizos sanitarios prestados nos centros dependentes do Sergas a pacientes que non sexan beneficiarios da Seguridade Social.

Deste modo, a Asociación en Defensa da Sanidade Pública critica a disposición adicional única do citado decreto, que publica este martes o Diario Oficial de Galicia, no que se sinala que se poderá establecer "un procedemento para repercutir nos usuarios os gastos ocasionados por estes como consecuencia do uso irresponsable das prestacións asistenciais do sistema público de saúde de Galicia".

"É un paso máis no intento de introducir o copagamento pola porta de atrás", subliñou o voceiro da asociación, Manuel Martín, tras o que recordou que "primeiro foi o da tarxeta sanitaria", en relación á taxa a aboar por extravío. "Agora trasládase o copagamento á asistencia sanitaria", lamentou.

Neste sentido, cualificou de "irresponsable" esta medida adoptada pola Consellería de Sanidade, e criticou que "se esixa iso aos cidadáns". Deste modo, Manuel Martín insistiu en rexeitar que se pretenda "introducir pola porta de atrás o copagamento, vulnerando a Lei xeral de Sanidade e o dereito dos cidadáns a unha sanidade pública".

"MEDO DÁME"

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, reprochou á Xunta que "sen ningún tipo de tapujos" anuncie que entre os sistemas de cobramento do Sergas "entra cobrar aos cidadáns por mal uso da sanidade pública".

"Medo dáme", afirmou, en declaracións aos medios, o líder dos socialistas galegos. "Anticipo de que hai unha ferramenta para empezar a cobrar na sanidade pública galega, polo que interpelaremos mañá mesmo ao presidente, ao Goberno e á conselleira".