SANTIAGO DE COMPOSTELA 7 Ago. (EUROPA PRESS) -
O Foro Galego da Inmigración manifesta o seu "apoio" á Asociación Sen Papeis da Coruña, que denunciou "actuacións policiais irregulares" dentro dun marco de "agravamento da represión" dirixida ao colectivo senegalés na Coruña.
En concreto, a Asociación Sen Papeis da Coruña faise eco, nun comunicado, dunha denuncia presentada o pasado 4 de agosto ante o Xulgado de Instrución número 3 da Coruña, que considera exemplo da "agresividade e desproporción que tomou a actuación policial fronte ao colectivo inmigrante dende hai anos" na cidade.
En concreto, esta asociación fai referencia a un episodio acontecido o 4 de agosto na zona do Cantón Grande coruñés. Segundo relata, "un rapaz que estaba sentado falando cos seus compañeiros viu achegarse a dous descoñecidos", un dos cales "colleu de súpeto a bolsa que levaba o rapaz, que suxeitou para que non llela roubasen".
Nese momento, sostén, "o outro individuo sacou unha pistola, golpeoulle na man e apuntoulle primeiro ao peito e despois á cabeza", ao tempo que " ameazaba coa pistola aos compañeiros do rapaz". Poucos minutos despois "e tras usar un dos individuos un transistor", chegou ao lugar "un coche da Policía Local, do que se baixaron dous axentes uniformados", un dos cales "colleu a bolsa do rapaz, ao que el non se negou".
A organización afirma na denuncia presentada ante o xulgado que, nese momento, "o rapaz preguntou ao individuo que o apuntara coa pistola por que o fixera". "¿Tes identificación? Se a tes, podes denunciarme", foi a resposta que obtivo, segundo a Asociación Sen Papeis.
"SEN SOPORTE PARA ACCIÓNS POLICIAIS"
Ante isto, a asociación considera que "a situación non daba soporte para ningunha acción policial", xa que "no momento dos feitos o denunciante non realizaba ningunha actividade máis que falar cos seus amigos" e "a bolsa que portaba estaba pechada e era da súa propiedade".
Ademais, afirma que "os individuos que actuaron contra os agredidos non levaban uniforme nin mostraron identificación algunha" e defende que "nin a situación esixía o emprego dunha arma regulamentaria nin a reacción do asaltado a lexitimaba", polo que advirte de que o dispositivo policial "puido consumar delitos de abuso de poder, intimidación, detención ilegal e subtracción de pertenzas".
Así, esta organización esixe o "esclarecemento" destes feitos, a "paralización" da chamada 'Operación Yankie' --unha suposta acción policial en A Coruña que esta asociación considera dirixida a "a asfixiar o colectivo inmigrante"-- e a "investigación e posterior sanción dos feitos sucedidos".