Beiras chama a rebelarse contra o "estado de excepción non declarado" e defender o dereito a decidir

Rueda de prensa dos dirixentes de Anova
EUROPA PRESS
Actualizado: jueves, 14 septiembre 2017 14:17

   Anova estuda organizar actos e unha manifestación en apoio aos alcaldes investigados "por pór urnas"

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Sep. (EUROPA PRESS) -

   O fundador de Anova e histórico dirixente nacionalista, Xosé Manuel Beiras, chamou á cidadanía galega a rebelarse contra "o estado de excepción non declarado" e en defensa do dereito a decidir dos pobos que, como o catalán, "queren expresar a súa vontade".

Xosé Manuel Beiras ofreceu este xoves unha rolda de prensa acompañado polo portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez e a membro da dirección Gladys Afonso para animar aos cidadáns a "reaccionar" ante o que considera que é un "franquismo sen franco" en referencia ás últimas decisións políticas tomadas polo Goberno central.

   "Estamos nun estado de excepción non declarado, os gobernantes invocan á Constitución para actuar en contra dun dereito fundamental, como é o dos cidadáns a expresar a súa vontade", denunciou Beiras, que asegurou que "o único que falta" é que "saquen os tanques".

   Neste contexto, para o fundador de Anova e un dos impulsores de En Marea, é "indispensable" que a cidadanía se mobilice. "Que lles diga a estes poderes que non estamos dispostos a que un pseudo Hitler estea no poder. Xa está ben, non somos ovellas", expresou para advertir das consecuencias de "deixar que estes bárbaros neonazis actúen exactamente como actuaba o franquismo nos anos 50".

ALIANZAS "EN XOGO"

   Ademais, Beiras advertiu de que a postura das formacións a respecto da defensa da consulta ao pobo catalán tamén pon "en xogo" as alianzas de Anova coas formacións coas que concorreu ás eleccións ás Cortes Xerais, Podemos e Esquerda Unida.

   "Está claro que se o espazo polo que estamos representados nas Cortes, En Marea e dentro do Grupo Confederal, non actúa adecuadamente respecto diso, resultará que esas alianzas non funcionan para algo fundamental, que é o proxecto de Estado que dicimos compartir", sinalou.

   Con todo, preguntado sobre se existen ambigüidade por parte dalgunhas das organizacións socias de Anova no Congreso, Beiras asegurou que "que haxa sectores ambiguos non significa que o conxunto" do grupo "sexa ambiguo" nin, "sobre todo, que os referentes que emiten o discurso sexan ambiguos aínda que ás veces dean pasos adiante ou atrás". "É difícil que desde a España estrita se poidan entender estas cousas, aínda que está a haber un proceso de educación", xustificou.

ACTOS DE ANOVA

   Ademais, o actual líder desta formación nacionalista, Antón Sánchez, explicou que Anova traballa xa, "en contacto con outras organizacións e colectivos", para promover actos en apoio aos alcaldes "imputados que poden acabar no cárcere por defender o dereito dun pías a decidir o seu futuro".

   "Non podemos entender como en pleno século XXI o Estado español actúa contra imprentas, redaccións de xornais e medios de comunicación públicos, como pretende prohibir actos por facer apoloxía do referendo ou como chama a declarar a 700 alcaldes, o 75% dos rexedores dun país", manifestou.

   Ante iso, explicou que Anova tamén traballa na convocatoria dunha manifestación en apoio a estes principios. Unhas accións que, segundo indicou, "é necesario que sexan abertas" e que conten coa participación de todos aqueles que "defendan estes principios".

   Precisamente, con este obxectivo, Xosé Manuel Beiras participará o vindeiro sábado día 23 de setembro nun mitin en Cataluña apoiar o dereito a decidir do os cataláns.