SANTIAGO DE COMPOSTELA 7 Abr. (EUROPA PRESS) -
Un grupo de 52 mulleres galegas relacionadas coa cultura, fundamentalmente escritoras e estudosas da lingua, asinaron o manifesto 'O Xogo das Cadeiras', un documento no que critican o "insignificante" papel feminino na Real Academia Galega e reclaman a presenza no organismo dun maior número de académicas.
En concreto, a escritora María Reimóndez, unha das que este xoves leron ante os medios de comunicación o manifesto, recordou que dos 30 postos de académico que dispón a RAG, unicamente catro deles son ocupados por mulleres, en concreto, por Xohana Torres, Margarida Ledo, Rosario Álvarez e Luz Pozo.
Isto, sinalou María Reimóndez, evidencia unha "situación inxusta" na que as mulleres non están debidamente representadas nos postos de académico. "O número de mulleres que hai neste momento na Academia non é unha minoría, é insignificante", sentenciou a escritora.
Para iso, as 52 asinantes do manifesto empregan como símil das súas reivindicacións o 'xogo das cadeiras', ao que as mulleres "levan tempo xogando sen cesar" e "sempre quedan sen asento". "Corremos máis que ninguén, temos méritos, valores, as mans desgastadas de tecer redes, as costas fartas de cargar con moito máis que a metade do ceo cada día. E a pesar diso, seguimos quedando sen cadeira", reza o manifesto que riron as presentes.
Nesta liña, as asinantes consideran "indigno" ter que argumentar a súa presenza na Academia, polo que reclaman maior presencia para "non permanecer excluídas da historia" e que as "escritoras e estudosas do futuro" teñan que buscalas "entre os entullos condescendentes das palabras dos homes ou nos fondos máis escuros das bibliotecas".
"Queremos estar aí porque é de xustiza", explica o manifesto, porque nós tamén facemos a lingua" e "as nosas mans están curtidas en traballos pola igualdade moito máis amplos, en estratexias e alianzas que a Real Academia necesita para chegar á sociedade".
ABERTO A SINATURAS
Este manifesto está ademais dispoñible na dirección de Internet http://xogodascadeiras.blogaliza.org para que todas as persoas interesadas poidan asinar e adherirse ao. Así mesmo, foi remitido á Real Academia Galega.
As asinantes, que rexeitaron que isto se trate dunha "competición entre homes e mulleres", aseguraron que a "resposta ideal" sería que "as vancantes dispoñibles" na RAG fosen "ocupadas por mulleres" para mellorar a súa representatividade.