Galicia endurece os requisitos para facerse parella de feito co fin de evitar "fraudes"

 Feijóo Preside La Reunión Del Consello Del 13 De Noviembre
XOÁN CRESPO
Actualizado: jueves, 13 noviembre 2014 18:54

Feijóo destaca que dará "maior seguridade xurídica" e advirte de que este tipo de unión "non poden ser un negocio fiscal"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Nov. (EUROPA PRESS) -

O Consello da Xunta aprobou na reunión deste xoves o decreto que modifica a norma do rexistro de parellas de feito de Galicia, co que se endurecen os requisitos para inscribirse, co fin de evitar "fraudes", en palabras do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo. Actualmente en Galicia hai 10.817 parellas de feito, segundo consta no rexistro --que empezou a producir efectos en 2008--.

Na rolda de prensa posterior á reunión semanal do executivo, o máximo mandatario explicou que o cambio esencial é o silencio de administrativo, que agora pasa a ter consideración de "negativo", como así recólleo a Lei de acompañamento que está a trámite no Parlamento de Galicia. Desta modo, será precisa "unha resolución expresa" para que unha parella de feito quede inscrita no rexistro.

Feijóo reivindicou que o decreto dará "maior seguridade xurídica para evitar posibles fraudes". Non en van, segundo informa a Xunta, esta modificación impúlsase "ante as diversas situacións de fraude advertidas para obter beneficios ilexítimos a través de inscricións nos rexistros de parellas de feito existentes".

Entre os cambios que citou, o presidente galego referiuse a que "será obrigatorio que ambos os dous membros da parella teñan unha presenza física no rexistro". Así, ambos os dous deberán expresar no xulgado que queren ser parella de feito.

Ademais, a Xunta resérvase actuacións de oficio "conducente a ver o cumprimento de requisitos" e "poderá cancelar" o rexistro cando non se cumpra o requisito de convivencia. "As parellas de feito non poden ser un negocio fiscal, ten que haber convivencia", remarcou Feijóo.

Por outro lado, tamén se van habilitar "melloras", explicou xefe do Executivo galego, quen indicou, a este respecto, que se simplificará a documentación e os procesos administrativos e facilitarase o uso de medios electrónicos.

XEFATURA TERRITORIAL

Os encargados da xefatura territorial serán funcionarios da Administración autonómica con grao ou licenciatura en dereito. A persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de xustiza estará facultada para realizar de oficio cantas actuacións sexan necesarias para verificar o cumprimento dos requisitos esixidos para a inscrición no rexistro.

Para iso, poderán solicitala colaboración tanto das entidades do sector público autonómico, coma dos órganos doutras administracións públicas, e serán os encargados de practicar ou denegar a inscrición solicitada.

As solicitudes de inscrición deberán ir acompañadas de declaracións responsables de ambos os dous de non constituír parella de feito con outra persoa, de non ter relación de parentesco en liña recta de consanguinidade ou adopción nin colateral ou adopción ata terceiro grao, e de non estar incapacitados para prestar o seu consentimento para constituír parella de feito.