SANTIAGO DE COMPOSTELA 25 Jul. (EUROPA PRESS) -
Miles de persoas participan na manifestación convocada polo BNG para celebrar o Día da Patria Galega e que saíu, pasado o mediodía deste domingo, da Alamenda compostelana coa reclamación de "máis autogoberno" e a reivindicación de que Galicia sexa recoñecida como "unha nación".
En declaracións aos medios pouco antes de iniciar a marcha, o voceiro nacional do Bloque, Guillerme Vázquez, defendeu o "orgullo" de Galicia como "nación" por ter unha lingua e cultura propias e advertiu de que o recoñecemento nacional supón máis "benestar".
Así mesmo, o líder nacionalista tivo palabras para o recurso que presentará a Real Academia Galega contra o decreto do plurilingüísmo da Xunta e valorou a acción da institución académica, posto que a súa misión é "defender o galego".
"É un día especial para os nacionalistas para defender a nación, a lingua e o orgullo de ser galegos", proclamou Guillerme Vázquez, quen avisou de que existe "unha dobre crise: a económica e a política". Neste sentido, culpou ao Feijóo de ser "o problema do país" e de "opoñerse a avanzar no autogoberno".
CABECEIRA
Na cabeceira da manifestación, marchan polas rúas compostelanas a Executiva Nacional liderada polo voceiro nacional, a coordinadora executiva, Teresa Táboas; o tamén voceiro parlamentario, Carlos Aymerich; e os demais membros como Francisco Rodríguez, Xoán Bascuas, Francisco García, Manuel Antelo, Ana Pontón, Ana Luísa Bouza.
Non obstante, non se deixaron ver ao inicio da marcha entre os postos da cabeceira nin o histórico nacionalista e líder do Encontro Irmandiño --corrente crítica integrada no Bloque--, Xosé Manuel Beiras; nin o ex vicepresidente da Xunta e ex voceiro nacional, Anxo Quintana, os cales non obstante si se manifestan unhas filas máis atrás.
Da comitiva tamén forma parte unha delegación internacional formada por máis de 20 partidos nacionalistas do Estado e diversos países, entre os que se atopa o senador do PNV Iñaki Anasagasti, o coordinador xeral de Aralar, Patxi Zabaleta; o secretario de Política Internacional de Eusko Alkartasuna, Sebastián Colio; ou a presidenta da Chunta Aragonesista, Nieves Ibeas.
Tras o acto reivindicativo, os nacionalistas teñen previsto celebrar a tradicional comida de confraternización na Carballeira de Santa Susana. En vésperas ao Día da Patria Galega, Galiza Nova --as xuventudes do BNG-- realizaron unha ofrenda no Panteón de Galegos Ilustres a Castelao e Rosalía de Castro.