En Marea insta ao PP a que "se poña ao lado dos demócratas" e apoie a cesión pública do Pazo de Meirás

Pazo de Meirás
EUROPA PRESS
Actualizado: viernes, 28 julio 2017 14:00

O partido instrumental considera á familia de Franco "ilexitimamente herdeira" da propiedade

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 Jul. (EUROPA PRESS) -

En Marea instou ao Partido Popular de Galicia no Parlamento a que "se poña ao lado dos demócratas" e apoie a cesión pública do Pazo de Meirás (A Coruña), que xestiona neste momento a Fundación Francisco Franco.

Os parlamentarios Ánxeles Cuña e Antón Sánchez compareceron este venres na Cámara autonómica para "pedir a devolución" do pazo que fora propiedade da literata Emilia Pardo Bazán e logo de Francisco Franco. Agora ostentan a propiedade os familiares do ditador.

Pola súa banda, Cuña declarou que "un espazo que fose creado cun espírito cultural por parte de Emilia Pardo Bazán, referente para xente que viña de fóra como Unamuno ou Giner dos Ríos, pasou a ser un centro de barbarie".

A deputada lembrou en que "o xeneral Francisco Franco facía alí reunións de ministros, nas que se ditaron sentenzas de morte". Ademais, afirmou que se trata dunha herdanza "ilexítima" por ser "un roubo a man armada por parte do réxime".

Antón Sánchez, pola súa banda, manifestou que "o lóxico é que se devolva ao pobo" e que na proposición de lei de modificación de memoria histórica coa que solicitaron a cesión do pazo "o único partido que se opuxo foi o Partido Popular".

Desta maneira, o viceportavoz do grupo parlamentario reclamou que os membros do PP "reconsideren a súa posición". Por ese motivo En Marea insistirá "no próximo período de sesións en iniciativas para que se devolva o Pazo de Meirás".

FUNDACIÓN FRANCISCO FRANCO

Ánxeles Cuña aseverou que en 2011 foron os tribunais os que obrigaron á familia a abrir o pazo ao público e denunciou que sexa a Fundación Francisco Franco a que xestione actualmente as visitas, "por ser unha fundación fascista que enxalza a figura do gran ditador" e por "producir novos incumprimentos sen ningún tipo de sanción".

Sánchez, ademais, asegurou que "a fundación recibiu subvencións millonarias deste Estado presuntamente democrático". "O que nos parece unha anomalía nunha Europa democrática", engadiu, antes de advertir de que "Galicia non se merece ser coñecido porque veñan os familiares do ditador a rirse da xente".

Leer más acerca de: