A oposición denuncia o afán "recaudatorio" da norma e defenden a necesidade dun novo marco "máis xusto e equitativo"
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 May. (EUROPA PRESS) -
Os deputados do PP rexeitaron este martes cos seus votos a proposta lexislativa presentada polo BNG para modificar a Lei de Augas de Galicia e derrogar "na súa integridade" o título da norma relativo á recuperación dos custos dos servizos, co argumento de que facelo significaría "incumprir" o mandato establecido pola Unión Europea (UE).
"Non podemos apoiar algo co que se propón incumprir unha directiva europea sen presentar alternativa", esgrimiu o voceiro do PP no debate, Daniel Varela, quen contrapuxo o "acordo" sobre o principio ambiental de recuperación dos custos da auga logrado no Parlamento europeo "con 27 estados, 22 linguas oficiais e distintas culturas", fronte á "visión miope cortoplacista" da oposición na Cámara galega.
Neste escenario, acusou o BNG de propoñer o debate en pleno desta iniciativa a dúas semanas das municipais "en busca de réditos electorais". "Recórdame á procesión dos desesperados, porque hai que estar moi desesperado para vir aquí cun discurso conservador en contra da directiva europea e de que a auga non é gratis", remarcou, antes de instar a socialistas e nacionalistas a cambiar de actitude e pensar "en sumar".
Fronte a iso, a nacionalista Isabel Sánchez Montenegro, encargada de defender a postura do grupo impulsor da proposición de lei, denunciou que a norma lonxe de achegar "melloras" ambientais para "racionalizar" o seu uso como --avisou-- recolle a directiva á que aludiu Varela, prima "absolutamente" o carácter recaudatorio e crea dous "novos" tributos, en referencia ao canon da auga e ao coeficiente de verteduras.
Do mesmo modo, destacou que somete a tributación os pozos particulares e traídas veciñais, elevando a "tensión fiscal" nun contexto de crise económica. Fronte a iso, reivindicou a necesidade de habilitar un marco legal "máis xusto e equitativo", no que se reparta "equilibradamente" a carga fiscal e esta non recaia "con maior intensidade" nos usos domésticos, extremo co que coincidiu a parlamentaria socialista Carmen Gallego.
"CUMPRIR" A LEI
De feito, Gallego avisou de que a lei "contra todos" que sobe os impostos "de forma brutal" e cobra "por primeira vez" aos usuarios no rural de pozos particulares e traídas veciñais "por un servizo que non presta". "Repercutirá nos petos dos cidadáns", augurou, tras constatar que é unha lei "recaudatoria" deseñada co único fin de "dobrar os ingresos" da Xunta e "obrigar" os concellos a pagar "impostos que, ás veces, non serán capaces de recadar nin eles mesmos".
Ao tempo, a socialista referiuse ao compromiso da Xunta de que non cobrar o canon no caso de pozos e traídas veciñais adoptado con sindicatos --e que posteriormente Varela avanzou que tamén se selará "mañá" con comunidades de usuarios de traídas--. "Se é certo, ¿por que non o ratifican apoiando esta iniciativa?", preguntouse, tras remarcar que a lei "publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG)" si considera a obrigatoriedade deste pagamento. "As leis publicadas no DOG hai que cumprilas, pero vostedes con tal de facerse cun puñado de votos son capaces de facer calquera cousa, mesmo de renegar dunha lei que apoiaron en solitario", lamentou.
CANON "ECOLÓXICO"
Malia as críticas da oposición, o popular Daniel Varela reafirmouse na súa postura e remarcou que o seu partido e a Xunta "cumprirán" a directiva europea, ao tempo que explicado que o canon da auga habilitado é "ecolóxico" e que os fondos recadados coa súa aplicación se destinan "exclusivamente" á conservación ambiental dos caudais galegos.
Neste punto, recordou ao "exhaustivo" estudio que fará a UE sobre a situación de ríos e rías na comunidade e ao "risco de sanción" no que caería a Xunta se non se preocupase do seu estado ambiental. "Entón si que seriamos irresponsables", reflexionou, antes de subliñar que o bipartito tamén sabía que existía a directiva europea que aposta por unha política de prezos que "incentive o consumo responsable".
Ao fío desta afirmación, subliñou que o agora líder do PSdeG, Manuel 'Pachi' Vázquez, preparou un texto cando estaba á fronte da Consellería de Medio Ambiente na pasada lexislatura, pero deixouno no caixón" ao "caer na conta" de que en 2009 había eleccións. "O PP si o afrontou e eu sei que iso lles molesta e lles doe", apostilou, antes de concluír que a petición de reforma debatida este martes ten un carácter "electoralista". "Hai medo ás eleccións e medo ao PP", resolveu o popular.