O portavoz parlamentario do BNG e o candidato de NÓS bícanse nun vídeo electoral

Actualizado: jueves, 26 noviembre 2015 20:11

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Nov. (EUROPA PRESS) -

   O portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, e a cabeza de lista de NÓS-Candidatura Galega pola Coruña, Carlos Callón, protagonizaron un bico en cadea nun vídeo electoral co que pretenden promover o respecto pola diversidade sexual.

   NÓS elaborou unha serie de vídeos de precampaña e arrincou con este no que se mostran a catro persoas (dúas mulleres e dous homes) bicándose en cadea. A idea é explicar, cun "estilo desenfadado e humor" as propostas e valores que defende esta candidatura para as eleccións xerais do 20 de decembro.

   O primeiro dos curtos pretende visualizar a "defensa da diversidade e o respecto a todas as opcións sexuais cun bico entre os protagonistas", que se pode ver na canle de youtube ou na web da candidatura (http://noscandidaturagalega.gal/portfolio-tag/diversidade/).

   En total, serán nove vídeos, que se emitirán un cada día até o comezo da campaña electoral, o 4 de decembro baixo o título xenérico #ParaVideosNós. Todos xogarán coa sorpresa, o humor e a parodia.

   Estes materiais de campaña e precampaña están "concibidos e executados por artistas galegos", co que se busca tamén pór en primeiro plano a creatividade dos artistas do país, un dos valores que reivindica a candidatura".

   Ademais, e até o 20 de decembro, empregaranse temas musicais orixinais compostos por artistas que colaboran connosco, viñetas de opinión e fotografía de autor, que se irán difundindo progresivamente até o día das eleccións xerais.