O PPdeG acusa Zapatero de comportarse como un "cobrador do frac" ao reclamar aos municipios galegos 106 millóns

Actualizado: miércoles, 11 agosto 2010 19:33

Os populares presentarán mocións en todos os concellos para solicitar "o aprazamento" da devolución das débedas

SANTIAGO DE COMPOSTEla, 11 Ago. (EUROPA PRESS) -

O secretario de organización e voceiro de infraestruturas do PPdeG, Alejandro Gómez Alonso, acusou o presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, de comportarse como un "cobrador do frac" ao reclamar aos concellos galegos a devolución de 106 millóns de euros da liquidación da súa participación nos ingresos do Estado relativos ao exercicio de 2008.

Segundo destacou en rolda de prensa, o Ministerio de Facenda "deu a coñecer recentemente" que a "débeda" das comunidades autónomas "ascende a 5.500 millóns de euros "só" pola liquidación do 2008, dos cales Galicia se "ve obrigada" a devolver 574 millóns aos que "se suman" 2.000 millóns procedentes da liquidación do ano 2009.

Con respecto ás débedas dos concellos galegos, Gómez Alonso concretou que a cantidade que teñen que devolver ao Estado "ascende" a 106 millóns, dos cales 22 deberán ser aboados polas sete principais cidades, 46 polas deputacións e 36 polo resto dos municipios galegos.

Ademais, o voceiro de infraestruturas insistiu en que esta situación é froito da "irresponsabilidade" e "falta de previsión" dun Goberno Central que, "empeñado en negar a crise", presentou en 2008 uns presupostos cunhas previsións de ingresos "irreais", e que, tamén se nega" a afrontar a reforma do financiamento local "que prometeu".

MOCIÓNS NOS MUNICIPIOS

Gómez Alonso recalcou que os populares presentarán mocións en todos os municipios galegos para solicitar "o aprazamento" da devolución das débedas ata que a situación económica da Comunidade "repunte".

Así mesmo, o deputado popular contrastou "o comportamento" do Executivo Central co da Xunta e asegurou que esta puxo en marcha "numerosos mecanismos" para "garantir" o financiamento das entidades locais como a creación dun Fondo Extraordinario de Apoio aos concellos, dotado de 18 millóns de euros.

Finalmente, Gómez Alonso manifestou que existen dúas formas de "entender" o apoio aos concellos. Así, asegurou que o "método socialista" se basea en "reducir os fondos" para "asfixiar" ás facendas locais, e o do PP, que consiste en "garantir a estabilidade" destas facendas locais.