Rojo anima a visitar o Parlamento o 26 nas xornadas de portas abertas e afirma: "Calquera día se pode vir"

Jornadas De Puertas Abiertas En El Parlamento Gallego
EUROPA PRESS
Actualizado: sábado, 19 mayo 2012 13:00

SANTIAGO DE COMPOSTELA 19 May. (EUROPA PRESS) -

A presidenta da Cámara, Pilar Rojo, anima a visitar o Pazo do Hórreo o próximo sábado, día 26, na que será a terceira edición desta iniciativa xa consolidada esta lexislatura. En todo caso, e aínda que o xefe do Lexislativo anima especialmente a acudir a este edificio que foi escola veterinaria e cuartel militar nun día en que os visitantes poden coñecer o espazo dunha forma pormenorizada, recorda que "calquera día se pode vir ao Parlamento".

"O Parlamento de Galicia vai ser protagonista dunha nova xornada de portas abertas. Dende aquí quero invitar a todos os galegos que poidan a coñecer de primeira man nosa casa, a casa de todos", invitou Pilar Rojo, quen recorda que estas xornadas son unha ocasión especial para "falar e comentar cousas cos deputados".

Ademais, os visitantes terán ocasión, este ano, de poder visitar a exposición 'A Arquitectura do Parlamento de Galicia. De Facultade de Veterinaria a sede da Cámara Lexislativa galega', que foi inaugurada en días pasados e na cal se realiza un repaso deste edificio, coñecendo as orixes e a evolución do edificio. A mostra inclúe unha maqueta da sede do Parlamento de Galicia, que permite ao colectivo invidente coñecer as revoltas da casona.

Con esta que é a terceira edición, Pilar Rojo confía en que este evento que se celebrou nas últimas tres primaveras estea "consolidado". "É un bo momento para que rompa a imposibilidade que moita xente ten para achegarse a esta casa", manifestou antes de remarcar "independentemente da xornada do sábado, que saiba que calquera día se pode vir ao Parlamento".

"Espero que esta xornada forme xa parte desa vida do Parlamento de Galicia e continúe mesmo en próximos anos. ¡Ogallá sexa así!, porque penso que é bo para todos", sentenciou.

A xornada trata de contribuír a visualizar o traballo do Parlamento, superar algúns "tópicos" que rodean a institución e poñer en valor o servizo público. Estes obxectivos son os mesmos que animan outras iniciativas emprendidas polo Parlamento, tal e como explica esta institución en referencia á potenciación do programa de visitas guiadas, un concurso escolar ou un ciclo de charlas itinerantes para estudantes de bacharelato.

RECIBIMENTO VISITANTES

Durante a xornada de portas abertas, os cidadáns poderán visitar o Parlamento entre as 10.00 e as 18.00 horas, onde terán ocasión de efectuar unha visita guiada ou, se o desexan, percorrer por libre o camiño sinalizado. Os participantes tamén poderán efectuar votacións simuladas no hemiciclo.

A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, acompañada dos membros da Mesa e da Xunta de Portavoces, e outros deputados, recibirán os visitantes que participen na xornada de portas abertas e atenderán as consultas e suxestións que se poidan formular. Os visitantes tamén terán á súa disposición unha caixa de correo na que poderán deixar os comentarios que consideren oportunos.