Tres mil barcos de papel enchen de cor o río Miño para que siga a flote a educación pública

MÁS DE 3000 BARCOS DE PAPEL AL RÍO MIÑO
ROSA VEIGA
Actualizado: domingo, 28 abril 2013 17:54

As manualidades chegaron de Galicia e distintos puntos de Europa e América á impulsora do acto, que traballa nun colexio de Fisterra

CASTRELO DE MIÑO (OURENSE), 28 (EUROPA PRESS)

Tres mil barcos de papel encheron de cor o río Miño arredor do peirao de Castrelo de Miño este domingo, chegados durante tres semanas de distintos puntos de Galicia, Europa e parte de América e lanzados á auga por decenas de familias nunha reivindicación festiva para que se manteña unha escola pública de calidade.

A impulsora da xornada, Palmira Castro Marcote, explicou a Europa Press que os barcos de papel comezaron a chegarlle ao colexio onde traballa, en O Sardiñeiro (Fisterra) e a Castrelo de Miño aos poucos días de propoñelo no seu blog, identificado como 'Mimadriña'.

"A través de redes sociais, animamos a xente pequena de lugares pequenos, como as aldeas galegas, a facer isto, que parecía unha cousa pequena, pero axiña nos vimos desbordados e comezamos a recibir barcos de papel de Finlandia, Cádiz, Francia, Arxentina, México D.F. , Inglaterra e outros lugares afastados, que se sumaron a esta reivindicación dunha educación tamén creativa," destacou.

O primeiro reto, acordado co colexio público de Castrelo de Miño, era conseguir mil barcos de papel para soltalos ao río Miño no club náutico deste concello de O Ribeiro pero, segundo Castro, comezaron a chegar mesmo centos á vez, e chegouse a un máximo de participación con Victoria Romero 'Vica' e Carla Nóvoa, de Cee (A Coruña), que enviaron máis dun millar de pequenos barcos nunha maqueta dun colexio.

INSPIRADOS EN MIL GRÚAS POR LA PAZ

A iniciativa posta en marcha en Castrelo de Miño na mañá deste domingo ten o seu antecedente e inspiración, segundo Romeiro, no conto de Sadako sobre a tradición xaponesa de que se concede un desexo a quen o pida con mil grúas feitas de papel e dende 1999, serve para reivindicar a paz cada día 6 de agosto, coincidindo co mesmo día de 1945 en que foi lanzada a primeira bomba atómica sobre a cidade xaponesa de Hirosima.

En Castrelo de Miño superouse a ideal inicial e chegouse aos tres mil barcos de papel, entre os que había, ademais dos clásicos con papel dobrado varias veces, algunha dorna -- barco tradicional da ría de Arousa-- e piraguas.

Desta forma viuse cumprido o obxectivo de unir a arte da papiroflexia cunha actividade escolar, festiva e reivindicativa, tal como foi pensada por Palmira Castro, traballadora en Castrelo de Miño hai dous anos, e os seus antigos compañeiros do pobo ourensano.

O acto na beira do río Miño contou con varias lecturas de poemas e pequenos relatos e coa solta final dos tres mil barcos recibidos aos que se sumaron outros que levaron familias locais que, tras visitar a feira mensual de artesáns de Castrelo de Miño, se sumou ao acto reivindicativo.