A autora, que nunca publicou o texto, relata a súa experiencia nos lugares e monumentos que visita durante cinco meses de travesía europea
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 9 Abr. (EUROPA PRESS) -
A Universidade de Santiago de Compostela e a Real Academia Galega publicaron en formato dixital a obra 'Emilia Pardo Bazán: Apuntamentos dunha viaxe. De España a Xenebra', un texto inédito no que a autora ofrece un relato da súa viaxe a través da Europa de 1873.
Esta obra, que a autora nunca publicou ao consideralo un texto de carácter privado, plasma as impresións e sensacións dunha Emilia Parda Bazán de 21 anos durante unha viaxe coa súa familia que se iniciou o 1 de xaneiro en 1873 e que se estendeu uns cinco meses, nos que percorren numerosas cidades de España, Francia, Italia, Suíza e Austria.
Segundo explicou o catedrático de Literatura Española José Manuel González Herrán, trátase dun texto dun valor "especialmente notable", polas súas descricións sobre os costumes e cidadáns dos lugares que visita, as súas diversións ou as súas actividades comerciais e nas que se reflicte o seu perfil ideolóxico no momento, máis próximo ás ideas 'carlistas', que logo abandonou.
Todo iso, destaca González Herrán, concentrado nunhas 138 páxinas de "elegante caligrafía" conservadas no fondo autógrafo da autora conservado no arquivo da Real Academia Galega. De ser publicado, este texto sería "o primeiro libro adulto" de Pardo Bazán nun xénero "que chegaría a cultivar con notable predilección e acordo ao longo da súa carreira literaria".
A obra, segundo engadiu o director do Servizo de Publicacións da USC, trátase dunha coedición dixital en formato PDF de acceso libre e gratuíto a través do repositorio Minerva da institución académica, tanto para a súa consulta como descarga.
Iso demostra, destacou, a aposta "clara e contundente" da universidade por promover a edición en formato aberto, que neste caso (dende a súa publicación o pasado venres 4 de abril) rexistrou 239 accesos e unhas 132 descargas procedentes tanto de Galicia e España coma de EEUU, Italia ou Francia.
Blanco Valdés mostrouse seguro que, a pesar do carácter "inédito" e privado do documento, esta edición "moderna" que vai a luz "no monitor do ordenador" sería "do agrado" de Pardo Bazán.
GRANDE TALENTO LITERARIO
Tamén presente no acto de presentación da obra, celebrado no Reitorado da USC, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, destacou que, aínda que el está "a anos luz do carlismo", non hai xeito de "non reparar no talento dunha moza" que nese momento escribía a súa primeira obra adulta, na que se evidencia a "graza" e "soltura" da súa capacidade literaria.
Así mesmo, mostrou a súa "esperanza" para conseguir que esta obra vexa a luz en formato físico e intentar lograr o apoio doutras institucións, dado que a RAG conta con recursos limitados.
Finalmente, o reitor da USC, Juan Casares Long, agradeceu o "esforzo" para "facer realidade" esta iniciativa, unha obra que "quedou esquecida no escuro mundo das caixas" e que agora se atopa "a disposición do mundo" grazas ás tecnoloxías da información e da comunicación.