SANTIAGO DE COMPOSTELA 30 May. (EUROPA PRESS) -
Santiago Centro, agrupación comercial da capital galega, organiza para o xoves un desfile de moda na Praza Roxa, no que se presentarán as tendencias de primavera-verán en roupa, calzado e cmplemento e que quere ser un espectáculo para dinamizar o Ensanche.
'Moda a Pé de Rúa' é unha nova iniciativa do comercio do Ensanche compostelán, que foi presentado hoxe polo presidente da Fundación Santiago Centro, José María Fernández, e pola coordinadora do espectáculo, Ana Peleteiro.
Este acto nun espazo público e aberto terá lugar a partir das 21.30 horas do xoves, baixo a organización da devandita agrupación comercial e co patrocinio da Consellería de Innovación e Industria, do Concello de Santiago e de La Caixa; así como coa colaboración da Cámara de Comercio, de Caeiro Renault, de Fotosistema, da Cadena Ser e da Floristería Adria de Ames.
Trátase da segunda edición dun desfile de moda que ten como espazo a Praza Roxa de Santiago. José María Fernández expresou hoxe a súa confianza en que este evento se consolide, xa que "resulta efectivo tanto para a cidade como para os propios comerciantes".
DOBRE OBXECTIVO
Segundo explicou, este desfile está aberto a todo o público e foi concebido como "un pequeno espectáculo no que amosar dunha maneira lúdica as opcións que temos en Santiago Centro para a temporada en baño, moda de rúa e festa e calzado, sempre coa referencia de calidade".
Fernández explicou tamén ue esta iniciativa cumpre un dobre obxectivo, como é o promocionar á Fundación Santiago Centro e aos comercios asociados e, asemade, contribuir a dinamizar a actividade no Ensanche ao sacar o comercio á rúa.
Pola súa banda, Ana Peleteiro ofreceu os datos técnicos do desfile, que se desenvolverá en 30 metros de pasarela e contará con 110.000 watios de luz e son. A montaxe deste espectáculo, ao que se terá acceso directo desde todas as rúas que converxen na Praza Roxa, conta cunha decoración acorde coa tempada primavera-verán.
Está prevista a participación de preto de 30 comercios asociados a Santiago Centro e a organización programa dous pases por cada establecemento para que amosen o máis representativo de cada un. A axencia New Models xestiona os modelos do desfile, oito homes e oito mulleres. Ademais, desfilarán como aficionados sete nenos de Santiago.