EuropaPress.es  Imprimir

O Comité Cidadán di que a sentenza non entra "no fondo do asunto" sobre a legalidade da planta de Mugardos

Actualizado: lunes, 27 diciembre 2010 16:42

FERROL 27 Dic. (EUROPA PRESS) -

O Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol, que dende o ano 2001 se opón á situación de Reganosa no interior da ría, no municipio coruñés de Mugardos, asegurou que a nova sentenza emitida polo Tribunal Supremo "non entra no fondo do asunto" e non analiza a legalidade da regasificadora, e só dá a razón á empresa e á Xunta de Galicia no feito de que non era admisible que os veciños presentasen recurso no proceso administrativo de declaración de efectos ambientais.

O comité explica que os veciños de Ferrol e de Mehá recorreran a tramitación ambiental de Reganosa, pero que "a Xunta de Galicia declarou inadmisible ese recurso". Por ese motivo, presentaron un recurso contencioso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que determinou que "o recurso era admisible e entrou no fondo do asunto, ao considerar que a Declaración de Efectos Ambientais non ten lugar e que o necesario é a declaración de impacto ambiental".

A sentenza foi recorrida por Reganosa ao Tribunal Supremo, que agora determinou que "o recurso non é inadmisible". Non obstante, segundo sostén Manuel Rodríguez Carballeira, voceiro do comité, o Supremo "non entra para nada no fondo da cuestión". "Se a planta precisa unha Declaración de Efectos Ambientais, como di a Xunta, ou unha Declaración de Impacto Ambiental, como defendemos nós", sinala.

O comité anunciou que utilizará esta sentenza para "afondar no fondo do asunto". O Tribunal Supremo aínda ten, ademais, segundo recorda, que decidir sobre a modificación puntual do Plan de Ordenación Municipal de Mugardos, que permitiu a situación da planta de gas. Rodríguez Carballeira estima que "se se segue a mesma pauta" esta sentenza se coñecerá no ano 2012, e "aí o Supremo ten que entrar no fondo do asunto".

Reganosa comezou a operar en probas en maio de 2007 e obtivo a autorización do Ministerio de Industria en novembro dese mesmo ano. Ata o momento, recibiu a descarga de máis de 80 barcos gaseros.

© 2024 Europa Press. Está expresamente prohibida la redistribución y la redifusión de todo o parte de los servicios de Europa Press sin su previo y expreso consentimiento.