SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 Mar. (EUROPA PRESS) -
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) arrinca este venres unha campaña de 'crowdfunding' para recadar os recursos necesarios para a "loita xudicial inevitable" que a organización prevé comezar "en pouco tempo" contra os proxectos de Altri, en Palas de Rei (Lugo), e a mina de Touro-O Pino.
No próximos tres meses, até o 28 de xuño, a campaña aspira a recadar un mínimo de 39.100 euros. Os fondos obtidos destinaranse a custear tanto a defensa xurídica como a elaboración dos pertinentes informes técnicos periciais, orientados a "rebater" os argumentos de compatibilidade ambiental.
A campaña, á que nomearon 'Xustiza para o Ulla', está enfocada en "defender o Ulla e, por extensión, a ría de Arousa das dúas ameazas que se ciernen sobre el", segundo explicou este venres a secretaria executiva de Adega, Belén Rodríguez, en rolda de prensa.
A representante ecoloxista cualificou ambos proxectos como "agresións ambientais moi importantes" para o territorio. A organización considera que os seus efectos irían "máis aló dos impactos negativos" á terra e tamén afectaría a sectores produtivos estratéxicos, como a agricultura ou a pesca, aos valores culturais e patrimoniais da contorna e á saúde pública.
Desta maneira, a recadación presenta tres liñas: unha primeira para recorrer contra a autorización ambiental a Altri; outra para emprender accións xurídicas contra a reapertura de mina de Touro-O Pino, e unha terceira que recadará doazóns para o fondo común da campaña. As achegas económicas pódense realizar a través da páxina habilitada para iso (adega.helpbysc.com/xustizaulla).
Durante o tempo no que estea aberto o 'crowdfunding', Adega contempla abrir novos retos de recadación segundo se vaian producindo as diferentes resolucións pendentes destes proxectos.
A organización ten precedentes en campañas similares, como foi o caso de 'Ti podes paralalos!', destinada á recadación de fondos para emprender accións xudiciais contra máis de 30 proxectos eólicos. Rodríguez destacou que estes están paralizados "case na súa totalidade".
BATALLA XUDICIAL
A secretaria de Adega indicou que "vai ser inevitable esquivar" a loita xudicial, especialmente tras a publicación da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) de Altri --sobre a que mostran rexeitamento, pero non é recurrible-- e a próxima difusión da Autorización Ambiental Integrada (AAI), que a Xunta prevé ter lista de cara ao verán. Este segundo documento é o que a organización pretende litigar unha vez se dea a coñecer.
Ademais, a asociación ecoloxista solicitou en febreiro o arquivo da petición de captación de augas da empresa lusa, xa que considera que ao non resolver o expediente no prazo máximo establecido debería desestimarse automaticamente. Con todo, Adega aínda non recibiu unha resposta á súa solicitude, polo que "en poucas semanas" estaría en disposición de impor un recurso contencioso-administrativo.
Doutra banda, Rodríguez indica que a mina de Touro-O Pino xa ten a concesión de Augas de Galicia e superou xa o trámite de exposición pública de alegacións, polo que "moi probablemente" nos seguintes meses será publicada unha DIA "positiva".
XACEMENTOS ARQUEOLÓXICOS
Por outra banda, Adega xunto a Mariña Patrimonio documentaron entre 2024 e 2025 un total de 101 xacementos afectados en Lugo por intervencións forestais. Por este motivo, as asociacións presentaron denuncias para esixir sancións, a retirada de árbores e medidas de protección do patrimonio.
En concreto, 80 xacementos foron afectados por plantacións de eucaliptos, 19 por piñeiros e 2 por outras causas. En relación a este tema, o vindeiro xoves celebrarase un acto informativo na Vello Cárcere de Lugo sobre a "destrución" do patrimonio arqueolóxico na provincia.