Alfonso Rueda asegura en Valencia que "cada voto para o PSOE" nos comicios locais "é un voto para Pedro Sánchez"

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, e a secretaria xeral, Paula Prado
PPDEG
Publicado: sábado, 4 febrero 2023 14:57

   O presidente do PPdeG avanza que a secretaria xeral, Paula Prado, será a directora de campaña para as eleccións municipais

   VALENCIA, 4 Feb. (EUROPA PRESS) -

   O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou este sábado en Valencia, onde se celebra a XXVI Intermunicipal popular, que cada voto para o PSOE nos próximos comicios locais, "é un voto para Pedro Sánchez".

   No que respecta ás municipais, considera Rueda que son as eleccións "da xestión, da unidade, de traballar para ser maioría". "En moitos concellos non conseguimos gobernar por moi poucos votos e agora temos claro que hai que facelo con moita máis potencia".

   "Agora queda traballar e traballar. Tentar exportar o modelo da Xunta, de estabilidade, de unidade, de gobernar con maioría e deberse nada máis, e nada menos, que aos nosos votantes. Levamos 14 anos facéndoo en Galicia. Somos o partido que máis concellos goberna, con estabilidade, sentidiño e a tranquilidade que dá non estar a ceder en nada a outros socios de goberno", apuntou.

   Nesta liña, lembrou que en Ferrol "acaba de dimitir o número dous do Concello a tres meses das eleccións". "Unha proba evidente da perda de tempo para tentar compor esas alianzas que se fixeron fai catro anos de perdedores", afirmou.

   Tamén respecto das eleccións locais, Alfonso Rueda avanzou que a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, será a directora de campaña en Galicia.

   "Desde o congreso celebrado en maio onde asumín a presidencia do PP en substitución de Alberto Núñez Feijóo, traballou moi duramente. Percorreuse todos os concellos. Coñece a situación electoral de Galicia. É a persona indicada e estou convencido de que será protagonista principal do bo resultado que esperamos", defendeu.

   Por último, e tamén en relación ás eleccións locais, o responsable do PP galego sinalou que o partido é "consciente" de que "un bo resultado nas municipais será a antesala dun gran resultado nas xerais".

Leer más acerca de: