A CORUÑA 10 Mar. (EUROPA PRESS) -
O presidente da Xunta e dos populares galegos, Alfonso Rueda, manifestou que a confirmación de que o secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, optará á reelección como alcalde das Pontes pon fin a un "culebrón".
A preguntas dos xornalistas, nun acto na Coruña, situou nunha "decisión persoal" o citado anuncio, avanzado o xoves e confirmado polo propio Formoso en rolda de prensa na xornada deste venres.
"Terminou este culebrón, levaba uns cuantos meses dicindo que anunciaría a súa decisión", lembrou Rueda para quen o importante é, á marxe de quen estea á fronte do PSdeG, que se dea conta de que este partido "non pode ser unha sucursal de Madrid e dicir a todo amén".
"Goberne quen goberne pídolle un pouco máis de autonomía e mirar para Galicia", insistiu o presidente da Xunta quen, por outra banda, asegurou que calquera crítica que lle poida facer a Formoso será "moito menos que as que lle fagan no seu propio partido".
"Non quero porme á altura dos membros do PSdeG que xa critican a diario ao seu secretario xeral antes deste anuncio e posiblemente despois", apostilou.