Ana Miranda ao chegar a Vigo após a expulsión de Israel: "Seguiremos defendendo ao pobo palestino, non lles temos medo"

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, abrázase ao concelleiro nacionalista de Vigo, Xabier P.Igrexas, após aterrar en Peinador o 21 de febreiro de 2023, horas despois de ser expulsada por Israel.
BNG DE VIGO

Tacha a medida de "rotunda arbitrariedade" e pide á UE e ao Goberno de España que esixan "responsabilidades"

VIGO, 21 Feb. (EUROPA PRESS) -

A eurodeputada do BNG Ana Miranda aterrou na tarde deste martes no aeroporto de Vigo, horas despois de ser expulsada de Israel cando pretendía entrar a territorio palestino formando parte dunha misión con outros eurodeputados, e advertiu: "Seguiremos defendendo ao pobo palestino, non lles temos medo".

En declaracións á súa chegada, Ana Miranda subliñou que a misión de entrada a territorio palestino, que ía durar catro días, estaba autorizada polo Ministerio de Exteriores de Israel e que "a sorpresa" foi que a tiveron retida máis de 6 horas no aeroporto de Tel-Aviv, esperando, para ao final negarlle a entrada "cun proceso de expulsión inmediata" ás 6,00 horas da mañá.

Após agradecer a solidariedade e o apoio do BNG, do Parlamento Europeo e da Comisión, entre outras institucións, Ana Miranda denunciou que a expulsión foi "unha rotunda arbitrariedade" por parte de Israel, e que se produciu "por ser unha eurodeputada que defende os dereitos do pobo palestino".

"Hai que dicilo alto e claro. Israel vulnera os dereitos do pobo palestino, e non quere que vaia ningunha persona que apoie os Dereitos Humanos, que condene o 'apartheid', o asentamento e os asasinatos de persoas", proclamou. Con todo, Ana Miranda advertiu: "Seguiremos defendendo ao pobo palestino, non lles temos medo, seguiremos tentando volver entrar".

A eurodeputada do BNG engadiu que "o máis forte desta afronta" é que Israel cuestionou "unha misión oficial" do Parlamento Europeo, polo que a eurocámara e tamén o Goberno de España deben pedir "responsabilidade" a ese país por esta "afronta diplomática". "Non nos imos a quedar parados", sinalou e lembrou que, a pesar das "moitas horas alí tirada", non é a primeira vez e é unha persona "forte".

REACCIÓNS

Nunha mensaxe en redes sociais, a presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, expresou a súa "decepción" e lamentou o ocorrido con Ana Miranda.

"A eurodeputada Miranda xa está de volta en Europa. Poreime en contacto coas autoridades de Israel para aclarar o sucedido e transmitir a nosa preocupación", sinalou a 'popular' maltesa, quen explicou que o seu equipo se mantivo en "estreito contacto" coa eurodeputada "en todo momento".

Tamén a portavoz de Exteriores da Unión Europea, Nabila Massrali, sinalou que a diplomacia comunitaria lamenta a negativa de Israel a permitir a entrada no país de Miranda, insistindo en que a decisión resulta "profundamente decepcionante" e "sorprendente" porque as autoridades israelís sabían de antemán os integrantes da misión e deran permiso á delegación e os seus compoñentes.

En España, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, subliñou que o veto a Ana Miranda --que en 2015 xa formou parte da chamada 'Flotilla da liberdade'-- "pon en evidencia a democracia israelí, que tenta evitar que a comunidade internacional coñeza os crimes de lesa humanidade que comete a diario contra o pobo palestino".

A portavoz nacional da formación, Ana Pontón, tamén trasladou o seu apoio á eurodeputada. "Toda a solidariedade con Ana Miranda. Non van impedir que sigamos denunciando a violación de dereitos humanos en Palestina", publicou a líder do BNG na súa conta de Twitter.

Leer más acerca de: