Hai unha "importante redución" de forma xeneralizada entre especies, con acusados recortes de polbo e ameixa xapónica
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Mar. (EUROPA PRESS) -
As lonxas galegas facturaron 383 millóns de euros en 2024, o que se traduce nunha caída de 29 millóns (-7%) respecto dos 412 millóns de 2023. As capturas comercializadas foron 102.462 toneladas, polo que se esborrallan un 18,5% na comparativa interanual.
Segundo o Anuario de Pesca 2024, publicado pola Consellería do Mar esta semana e que recolle Europa Press, hai unha "importante redución" en case todas as especies, especialmente significativa nos cefalópodos (descenso do 38,6% en quilos e do 29% menos en euros), seguidos do descenso en bivalvos (-26,8% en quilos e -29,5% en euros).
Por especies, ademais do esborralle de máis do 38% na captura de quilos de polbo, destaca o recorte do 37% de ameixa japónica, seguido de: xurelo (-28%), lirio (-25,2%), sardiña (-23%) e bonito do norte (-22,8%). No outro extremo, aumentan un 264% os quilos comercializados de rapante.
No tocante ás vendas en euros, o maior descenso é o 33% en ameixa xapónica, cunha facturación de pouco máis de 18 millóns de euros, cando o ano anterior eran máis de 27 millóns. Outras principais baixadas en facturación son: polbo (-32,5%), tintorera (-14%) e xurelo (-13,3%). De novo, o rapante é o que presenta maior aumento en euros (+237%), con 9,8 millóns.
Aínda que os ingresos foron inferiores en case todas as especies, o dato positivo atópase en que o prezo medio volve marcar un novo máximo na serie histórica en Galicia ao alcanzar os 3,74 euros por quilo.
CAÍDA XENERALIZADA NAS PRINCIPAIS LONXAS
As principais lonxas galegas sofren perdas en facturación e quilos comercializados de forma xeneralizada durante 2024.
Así, a de Vigo foi a que máis facturou (85,2 millóns), pero cun recorte do 3,3%, á vez que baixa un 13% en quilos (19.907 toneladas).
A Coruña é a lonxa con maior cantidade vendida, con 21.238 toneladas, a pesar de descender un 4,3%. A facturación foi de 59,6 millóns de euros, un 13% menos.
Ribeira baixa un 31,87% en capturas e unha 2,4% facturación. Mentres, Burela é a única lonxa das principais que sobe en vendas (+0,85%), até superar os 58 millóns de euros, e faio a pesar de baixar un 10,4% as toneladas movidas.
Pecha Celeiro o 'top 5' de principais mercados pesqueiros, que sofre unha diminución do 12,7% en toneladas e do 0,38% en facturación.