O BNG asegura que "Sánchez faría moi mal" en crer que o voto a favor da investidura está garantido

Os nacionalistas galegos non poñen "liñas vermellas" ao Goberno de coalición pero non darán o seu voto por "cheques en branco"

O Consello Nacional do BNG en Santiago
BNG
Europa Press Galicia
Publicado: sábado, 16 noviembre 2019 13:41

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Nov. (EUROPA PRESS) -

   A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, asegurou que "Sánchez faría moi mal en facerlle caso aos que din que o voto" do seu partido a favor da investidura do Goberno de coalición de PSOE e Podemos está garantido.

   Tras unha semana na que medios de comunicación e distintas forzas políticas estiveron barallando as posibilidades que existen de que o Goberno entre Pedro Sánchez e Pablo Iglesias saia adiante, Pontón subliñou que o BNG non porá "liñas vermellas" pero tampouco votará a favor dunha investidura "por cheques en branco".

   A principios da próxima semana o deputado no Congreso polo partido, Néstor Rego, reunirase en Madrid cos encargados da negociación. "Atoparán un partido disposto a falar", pero "dialogar non é compartir un monólogo" ditado por outros grupos políticos, precisou Pontón.

   As principais condicións do Bloque pasan pola "receptividade da axenda galega" en Madrid, "a defensa da democracia, dereitos e liberdades" e o "marco da plurinacionalidade", explica. O seu "enfoque ten altura de miras" e a postura final "será resultado das negociacións" que se desenvolverán esta semana.

   Na intervención de Pontón, este sábado trala celebración do Consello Nacional do partido, destacou a "dobre satisfacción" que supón este novo panorama político. Primeiro porque os nacionalistas volveron ao Congreso despois de catro anos sen representación e despois porque o BNG converteuse "no muro de contención fronte á extrema dereita xenófoba, machista e racista de Vox" en Galicia.

   O apoio de case 120.000 galegos reflectirase agora na figura de Néstor Rego, "unha persoa con experiencia, visión política, rigor e seriedade", apunta Ana Pontón, uns "valores" que ao seu xuízo son moi "importantes" nos tempos da "política líquida".

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado