SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Sep. (EUROPA PRESS) -
O Bloque Nacionalista Galego celebrará o próximo día 1 de decembro en Santiago de Compostela a súa XVIII Asemblea nacional, na que buscará dotar o seu proxecto de "máis potencia" para "conquistar o goberno" de Galicia.
Así o anunciou este sábado a líder da formación, Ana Pontón, na súa intervención durante o Consello Nacional, que se reuniu en Teo (A Coruña).
No seu discurso, Pontón dixo que esta cita permitirá afianzar a liña de traballo que levou ao BNG ao que denominou como "mellor momento" da súa historia, e a través da que "sen renunciar a ningún principio do nacionalismo", conseguiron chegar a "amplos sectores da sociedade galega".
"O segundo gran obxectivo é reforzar a organización para ser máis eficaces á hora de afrontar os retos que temos por diante, porque se algo está claro é que sen organización non hai cambio e transformación do país", dixo.
Segundo sinalou, a asemblea tamén permitirá á formación revisar e actualizar a análise e o momento que vivie o país. "É evidente que a Galicia de hoxe non é a mesma que a de fai oito anos, cunado en 2016 unha nova dirección tomou as rendas para abrir un tempo novo no BNG", sinalou Pontón nun discruso no que lembrou que o Bloque "estivo a piques de desaparecer" e vivie agora o seu "mellor mellor momento".
Nunha intervención na que deixou claro que o avance da fronte nacionalista "non é algo puntual nin fortuíto", "senón unha tendencia de fondo sólida e potente", rexeitou caer no conformismo.
"Non podemos quedarnos no logrado, senón ao contrario", dixo para chamar aos seus a traballar "con humildade e sen renunciar a ningún dos principios" para "seguir avanzando con paso firme" até ser a "forza hexemónica" do país, "capaz de darlle a Galicia o futuro que merece".