BNG e CIG esixen á Xunta unha solución para os clientes "estafados" do Popular e que defenda os postos de traballo

BNG e CIG esixen a Xunta unha solución para os clientes "estafados" do Popular
EUROPA PRESS
Actualizado: miércoles, 14 junio 2017 13:36

O sindicato advirte de que "non sobran" empregados e o Bloque ve "incomprensible" a "pasividade" de Feijóo

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Jun. (EUROPA PRESS) -

O BNG e a CIG esixiron este mércores ao Goberno galego que busque unha solución para os pequenos investidores do Banco Popular-Pastor que foron "estafados" e, como consecuencia da integración desta entidade no Banco Santander, perderon o seu diñeiro. Ademais, reclamaron que se defendan os postos de traballo tanto do sector financeiro como de auxiliares.

En rolda de prensa tras manter unha reunión no Parlamento, a deputada do Bloque Noa Presas mostrou a súa "preocupación" polas consecuencias en Galicia dunha operación que custou o que "un café con leite" e xulgou "incomprensible" a "pasividade" que está a mostrar a Xunta en todo este proceso.

Fronte a ese "estar de perfil e deixar que o tempo pase", reivindicou a posta en marcha dunha "estratexia galega" na que esta comunidade non sexa unha mera "observadora". "Temos que exercer a nosa capacidade política", remarcou.

Neste sentido, volveu a requirir que a comisión sobre a desaparición das caixas galegas aberta na Cámara aborde tamén o proceso de venda do Popular, que se devolvan o "estafado" aos pequenos accionistas e que se manteña a marca para que o Popular-Pastor opere como "unha filial galega" do Santander, a fin de conservar o emprego.

En paralelo, a parlamentaria nacionalista requiriu "un xiro de temón radical" en defensa dos usuarios da banca. Trátase de pór en marcha "medidas máis rigorosas" encamiñadas a protexer aos clientes de certas prácticas "tóxicas" --como as preferentes e as cláusulas chan-- e a frear a "exclusión financeira".

"NON SOBRA NINGUÉN"

Na mesma liña, o portavoz de CIG-Banca, Clodomiro Montero, lamentou que se suceden "os escándalos financeiros" sen que se tomen medidas para "protexer" aos afectados de actuacións que --deixou claro-- deciden as direccións das entidades financeiras e os órganos supervisores.

Xunto con esa petición, e a de buscar "solucións inmediatas para a clientela estafada" do Popular-Pastor, puxo o foco na defensa do emprego. Sen dar cifras, advertiu de que o impacto desa "incautación exprés" en Galicia sería "tremendo, demoledor" tanto en oficinas, servizos centrais e centros de chamadas.

"Non sobra ninguén", salientou Montero, crítico con que o Santander non lle proporcione o censo de traballadores para analizar os datos e nin sequera se avenga a sentar cos sindicatos a pesar de estar "a traballar na reestruturación". "Nós non queremos pactar despedimentos", agregou, partidario de buscar unha vía que permita reducir ao mínimo as saídas de traballadores.

PROCESO "ESCANDALOSO"

En paralelo, tanto Noa Presas como Clodomiro Montero tacharon de "escandaloso" o proceso de compra do Popular-Pastor por parte do Santander.

"Queremos que se investigue a conduta dos supervisores, os reguladores e o Ministerio de Economía", demandou o sindicalista, mentres a parlamentaria considerou "dubidoso" o seu papel. "Fallou a supervisión e posibilitouse un auténtico tráfico de información privilexiada", denunciou.

De todo iso non só esixiu "luz e taquígrafos" senón tamén "responsabilidades" ao PP, tanto a nivel estatal como autonómico, por permitir que se "esnaquice" o sistema financeiro galego.

A xuízo da formación frontista, todo o sucedido desde a desaparición das caixas galegas ata a liquidación do Pastor forma parte de "unha estratexia auspiciada polos grandes partidos" de "concentrar e centralizar" o capital financeiro. "Fortalécese o oligopolio bancario sen que a Xunta mova nada por evitalo", censurou Presas.