Esixe "rectificar" o incremento en gasto militar e ve "gravísima" a ausencia de partidas para a conexión coa alta velocidade lusa
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Oct. (EUROPA PRESS) -
O deputado do BNG no Congreso Néstor Rego afirmou que os nacionalistas se atopan en disposición de "dialogar e negociar" co Goberno central sobre o proxecto de orzamentos xerais do estado (PGE), co obxectivo de que Galicia sexa tratada "con xustiza".
Neste sentido, e após coñecerse un documento no que o investimento territorializado ascende a uns 1.077 millóns de euros, criticou que "o investimento se estanca" e faio "nun contexto de orzamentos expansivos".
"Isto fai que Galicia perda peso no investimento en relación co ano anterior", advertiu, antes de concretar que en termos absolutos suma 3 millóns pero nos relativos "perde tres décimas".
En 2021 "xa eran claramente insuficientes, razón pola que o BNG non os apoiou", lembrou Rego, antes de precisar que "caían un 11% cando subían na maior parte das comunidades". Ao ano seguinte, en 2022, o Bloque abstívose ante o "lixeiro incremento pero non suficiente para atender necesidades perentorias" e "menos aínda para compensar déficits históricos" con Galicia.
Neste escenario, e preguntado sobre cal será o seu voto no Congreso a este proxecto, respondeu que aínda non está determinado. "Isto está a comezar. Estamos en disposición de dialogar e negociar co obxectivo de que o noso país sexa tratado con máis xustiza", incidiu.
Cuestionado por liñas vermellas, sinalou que non cre que "o asunto" vaia por aí. "Ten que haber un aumento das partidas e imos defender que se elimine este gasto militar", engadiu.
E é que, após facer referencia a carencias que os nacionalistas detectan nos PGE para Galicia, sobre todo en infraestruturas ferroviarias e viarias, pero tamén en materia de rexeneración das rías e pensións, entre outros aspectos, Néstor Rego censurou o gasto militar "absolutamente inxustificado, por non dicir aberrante" que contemplan as contas.
Deste xeito, censurou que o Goberno central "decida un incremento de máis de 3.000 millóns en gasto militar" e insistiu en que "non se justifica", menos cando "ocultan partidas escondidas noutros ministerios" tamén para este ámbito. "Reclamaremos unha rectificación desta previsión do Goberno", avanzou.
"GRAVÍSIMO"
Outra cuestión concreta á que se referiu e que lle parece "gravísima" é que "non existen partidas" para a conexión coa alta velocidade con Portugal.
"Falta o compromiso do Goberno español para completar esa actuación no territorio galego. Non é nin especialmente dificultosa nin particularmente custosa, nun tramo duns 15 quilómetros. E unha cuestión de vontade política (...) e unha obra tan importante para o desenvolvemento socioeconómico do país", remachou.