SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 Oct. (EUROPA PRESS) -
O Consello Nacional do BNG aprobou este sábado o regulamento para a elección da candidatura á Presidencia da Xunta, un proceso aberto a toda a militancia que culminará o 25 de novembro e que arrinca este mesmo martes, día 31, coa apertura do prazo para a recollida de avais, e no que non existen dúbidas sobre que Ana Pontón será a cabeza de lista da formación nas autonómicas de 2024.
Nunha reunión extraordinaria celebrada vía telemática, o máximo órgano de dirección entre asembleas aprobou o calendario que sinala que desde o martes até o 13 de novembro calquera militante con plenos dereitos de alta na organización poderá participar e presentarse sempre que logre un mínimo de 200 apoios, que deberá presentar no rexistro da sede nacional.
Finalizado ese trámite, será a militancia quen tome a palabra e se pronuncie a través das 26 asembleas comarcais que se van celebrar
entre os días 14 e o 19 de novembro, tal e como establece o calendario aprobado.
"No BNG as decisións que adoptamos son colectivas e democráticas, fundamentadas sempre no debate e na participación da militancia", asegurou a responsable de Organización, Lucía López.
Así, o BNG habilitará a posibilidade de votación telemática no caso de haber militantes que non poidan asistir ás asembleas de forma presencial. Tamén a emigración terá voz neste proceso e poderá
emitir o seu voto vía telemática entre os días 14 e 16 de novembro.
ADIANTO ELECTORAL
O BNG arrinca este proceso cumprindo cos estatutos aprobados en asemblea e coa idea de ter pechada a súa candidatura ante un eventual adianto electoral, tendo en conta ademais, destacan os nacionalistas, que a próxima será "unha das citas coas urnas máis importantes dos últimos 42 anos".
"O BNG encara estes comicios como forza líder do cambio galego e alternativa real ao actual goberno da Xunta, unha alternativa que
pasa por arrebatarlle a maioría absoluta ao Partido Popular e concentrar na formación nacionalista o apoio dos galegos e as galegas que desexan abrir un tempo novo en Galicia", subliñan nunha nota de prensa.