Pontón pide non "acomodarse" porque a vocación do Bloque debe ser "acoller ás maiorías sociais" de Galicia
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Nov. (EUROPA PRESS) -
O BNG encara a súa XVIII Asemblea Nacional, que se celebrará o próximo 1 de decembro en Santiago, nun momento "crucial para o nacionalismo e para Galicia" e co reto de ampliar a súa base social.
Este sábado, os nacionalistas reuniron ao Consello Nacional a 15 días de que se celebre na capital galega a asemblea, que afrontan "coa fortaleza e o orgullo" de conseguir "o mellor resultado" da súa historia e un "caudal de apoio social como nunca antes".
"Este é o resultado dun éxito colectivo. Nada disto tería pasado se non fósemos unha gran organización. Este gran resultado histórico débese ao traballo intenso da nosa militancia, o principal valor do BNG, e é o resultado dunha liña política que conseguiu conectar con amplas capas sociais do noso país", destacou.
Así, puxo en valor que o "avance" do BNG" non é "flor dun día" nin tampouco "algo puntual", senón unha "tendencia de fondo, sólida e potente".
Nunha intervención ante os medios, Ana Pontón destacou que é "un momento crucial" tanto para o nacionalismo como para Galicia, sinalando que as decisións de hoxe "marcarán o futuro", polo que, engadiu, "é o momento de ter altura de miras".
"O BNG non é unha organización política máis, somos unha organización que representa a existencia da nación galega e a esperanza da cidadanía que quere facer realidade esoutra Galicia posible", manifestou antes de apuntar que, a pesar de que están "no seu mellor momento", os nacionalistas non deben "acomodarse" porque a súa vocación é "acoller ás maiorías sociais" de Galicia.
"SER A FORZA HEXEMÓNICA"
O reto, asegurou, é ser "a forza hexemónica" e iso "require seguir na mesma senda de traballo, con acerto e xenerosidade ampliando a base social". "Este é o gran reto desta asemblea nacional: dar máis potencia ao BNG para liderar Galicia acollendo a todas as persoas que levan ao noso país na cabeza e o corazón", apostou.
Nesta liña, expuxo que a Galicia de hoxe "non é a de fai oito anos", cando unha nova dirección tomou as rendas da formación para "abrir un tempo novo". Tampouco é, subliñou, "a de fai tres anos", cando se celebrou a última asemblea nacionalista.
Neste tempo, o BNG "logrou unha implantación social e uns resultados electorais" que, segundo Pontón, "só os máis optimistas" podían soñar. "Non é algo puntual nin fortuíto, senón unha tendencia de fondo, sólida e potente, pero somos ambiciosas e inconformistas", destacou.
Con este obxectivo, reivindicou que traballarán "a favor de Galicia" para "contrarrestar o desastre" do Goberno de Rueda que, en opinión da líder nacionalista é "cada vez máis ultra, máis entregado ao centralismo madrileño, ao lobby eléctrico e ás empresas amigas".
Para todo iso, Pontón ve "clave" presentar "unha alternativa clara e unida", así como pór o foco "naquelas cuestións que impactan no día a día das persoas", pero tamén "abordando debates de fondo que son cruciais", como, exemplificou, a proposta dun concerto económico.
"CAMBIAR O RUMBO DE PAÍS"
Neste contexto, a portavoz do Bloque detallou que disporán de tres anos "para cambiar o rumbo do país", para o que, reiterou, deben "ensanchar a base social do nacionalismo" e avanzar cara a un BNG "máis amplo" a través do "contacto permanente coa sociedade, cos sectores económicos e sociais".
"De todos nós depende seguir avanzando nun momento en que temos unha responsabilidade extra porque somos a esperanza de todos os galegos que soñan cun país onde facer realidade os seus soños e aspiracións. Unha vez máis, entre todos e todas, con unidade e intelixencia e pondo a Galicia por diante imos estar a altura dos retos que temos que enfrontar; e con este obxectivo imos a esta asemblea nacional sempre coa cabeza e o corazón en Galicia e coa man tendida a todos os homes e mulleres que comparten este proxecto connosco", concluíu.
RELACIÓN BNG-ANOVA
Doutra banda, preguntada sobre a relación de Anova co BNG, despois de que este sábado, nunha entrevista concedida a Europa Press o seu portavoz, Martiño Noriega, asegurase que Anova non quere "ser un axente pasivo que só pida o voto", Pontón afirmou que respecta as valoracións e debates que se fan "desde outros espazos políticos" cos que, asegurou, mantén "unha relación cordial".
Así, defendeu que na asemblea do próximo 1 de decembro os nacionalistas estarán "centrados" en "como dar máis potencia á alternativa" que, insistiu, "representa o BNG co obxectivo de liderar este país". "Ese é o gran debate que temos nesa asemblea", resolveu.