O BNG pedirá na Cámara 35 novas competencias após 14 anos nos que o PP "paralizou" a axenda do autogoberno

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha rolda de prensa ofrecia no Pazo do Hórreo
BNG

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Jun. (EUROPA PRESS) -

   O Bloque Nacionalista Galego pedirá no Parlamento 35 novas competencias despois de 14 anos de Goberno dos populares, nos que considera que o PP "paralizou" a axenda do augobierno, deixando que "Galicia quede atrás".

   Así o destacou este luns a líder do BNG, Ana Pontón, nunha rolda de prensa ofrecida no Pazo do Horreo, na que explicou que o obxectivo é que a Comunidade dispoña de "máis medios para facerlle fronte á crise" e "impulsar o desenvolvemento económico".

   "Despois de 14 anos de inacción do PP nos que non se adquiriu nin unha soa competencia, Galicia está a perder posición e quedando atrás en poboación, en actividade industrial, en emprego, en servizos público". "É evidente que non podemos seguir así e, ante a falta de resposta e de pulso do PP, no BNG queremos tomar a iniciativa", indicou.

   Nun contexto marcado polas consecuencias da pandemia, a crise de prezos, o reto enerxético, a emerxencia climática ou a crise demográfica, Pontón considerou que non se pode seguir con "o manual do centralismo, da submisión a Madrid; o manual da parálise, da inacción, da irrelevancia política que están a facer que Galicia non poida avanzar".

   Pontón urxiu a necesidade dun cambio de rumbo no que se dote Galicia de todas as ferramentas políticas, económicas e orzamentarias para facerlle fronte con eficacia a todos estes novos retos e darlle a Galicia expectativas de futuro.

   "No BNG consideramos prioritario dar un salto adiante asumindo novas competencias. Despois de 14 anos nos que o PP paralizou totalmente a axenda do autogoberno, nós queremos impulsala e pola en marcha a través de dúas vías", indicou a portavoz nacional.

   A primeira delas, indicou, fundaméntase no cumprimento do Estatuto conseguindo para Galicia todas as competencias que aínda están pendentes 40 anos despois da súa aprobación. "Isto abarca o desenvolvemento da policía galega, a meteoroloxía, os arquivos, un ferrocarril interior galego, museos e bibliotecas...", detallou Pontón.

   A segunda, conforme apuntou, ten que ver con competencias de carácter estatal pero que se poden transferir a Galicia a través do mecanismo previsto no artigo 150.2 da Constitución.

NOVAS COMPETENCIA AGRUPADAS EN SETE ÁMBITOS

   A través destas dúas vías, o BNG propón 35 novas competencias para Galicia a negociar na comisión mixta Xunta-Estado divididas en sete ámbitos de actuación.

   A primeira das áreas sobre as que traballar pon no centro a ordenación do territorio e as infraestruturas, nas que se inclúen transferencias do territorio e as infraestruturas, como os traspasos da AP-9, aeroportos, portos de interese xeral, salvamento marítimo e ordenación do litoral e tráfico. Pontón lembrou que a "competencia de tráfico", por exemplo, "acaba de ser transferida a Navarra", e que Euskadi e Cataluña "xa hai décadas que a teñen".

   O segundo ámbito está relacionado con materia laboral, emprego e sanitario-asistencial. O Bloque reclama que Galicia poida facerse cargo das inspeccións de traballo e seguridade social, a formación ocupacional e os servizos sanitarios e asistenciais a traballadores e traballadoras do mar.

   "A terceira área pasa por obter competencias para obter competencias para ordenar a totalidade do sistema educativo galego, as bolsas de estudo e a transferencia dos centros de investigación que teñen a súa sede en Galicia", manifestou.

   A cuarta das áreas estaría relacionada cos sectores produtivos, incluíndo a inspección pesqueira, os seguros agrarios ou os paradores de turismo.

   O quinto lugar ocúpao a enerxía. "Neste sentido propómonos que sexa Galicia quen teña que autorizar todos os proxectos de produción de enerxía que se sitúa no país", indicou para sinalar que, ademais disto, tamén formarían parte desta área as redes básicas de gas e oleodutos que transcorran polo territorio galego ou a supervisión e control de refinarías e almacéns de hidrocarburos radicados en Galicia.

   A sexta área está relacionada co ámbito institucional. Pontón destacou que é "imprescindible" ter presenza en entidades con carácter estatal con importantes funcións en Galicia como o Banco de España, a Comisión Reguladora do Mercado de Valores, Portos do Estado, Aena ou os órganos de dirección e administración de empresas públicas con centros de traballo no territorio.

   Ademais, solicitarase tamén o traspaso de instalacións e espazos pertencentes ao Ministerio de Defensa como a Illa de Tambo, castelos militares, hospitais, baterías de costa, vivendas, ou institucións penais.

   Finalmente, a sétima área está relacionada coa lingua, a cultura e o patrimonio. A través dela solicitaranse competencias relacionadas co fomento da industria cinematográfica e audiovisual galega e dos arquivos, bens e fondos documentais, culturais e históricos, que estean expandidos en diversas institucións e organismos do Estado.

   Pontón aproveitou a ocasión para lembrar as palabras de Rueda no ano 2009, nas que facía alusión a que "por culpa do bipartito Galicia non ten nin policía autonómica, nin competencias en materia de tráfico". "Cal é o balance do señor Rueda 14 anos despois? Cero novas competencias", concluíu.

Leer más acerca de: