O BNG pide ao PP que deixe "o rodete absolutista" e chegue a acordos coa oposición

Olalla Rodil espera que o Goberno galego non realice anuncios que "despois quedan en nada" e que "non se cumpren"

A viceportavoz do BNG Olalla Rodil nun momento da rolda de prensa na Cámara galega.
BNG
Europa Press Galicia
Publicado: martes, 22 abril 2025 13:15

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Abr. (EUROPA PRESS) -

   A viceportavoz parlamentaria do BNG Olalla Rodil pediu ao PP que non pase "o rodete absolutista" no Debate sobre o Estado da Autonomía que se celebra a partir deste mércores na Cámara galega e demandoulle que chegue a "acordos importantes a favor dos galegos".

   "O PP que pasa o día pedindo aos demais que sexan construtivos é realmente quen vota en contra de maneira sistemática todas as propostas do BNG e doutras forzas da oposición", manifestou este martes en rolda de prensa a deputada nacionalista.

   Así, Rodil lembrou que no último debate de política xeral --en outubro de 2023-- o PP "rexeita de maneira sistemática todas as propostas do BNG". "Naquelas poucas cuestións que permite chegar a un acordo, o primeiro que fai o PP é incumprilo", reprochou.

   Nesta liña, exemplificou cun dos acordos de 2023 sobre pedirlle ao Goberno central que dese o mesmo trato a Galicia que a outras comunidades ás que se lles fose a condonar a débeda. En relación con isto, a parlamentaria do Bloque reivindicou que o BNG "traballou arreo en Madrid" para chegar a "sacar adiante unha proposta importante para os galegos", en concreto, "unha quita do 30% da débeda". "4.000 millóns que a Xunta non tería que pagar aos bancos e podería destinar a fortalecer as políticas públicas, e o PP que fixo? Incumprir o acordo e rexeitar a quita da débeda conseguida e negociada polo BNG", criticou.

   Neste sentido, lamentou que a reunión celebrada este luns entre a Consellería de Facenda e o Ministerio de Facenda a Xunta "liquidouna en tres minutos". "180 segundos tardou o PP en botar por terra o acordo unánime ao que se chegara nesta Cámara, a dicirlle que non a 4.000 millóns menos de débeda bancaria", censurou.

   Por todo iso, Olalla Rodil cuestionou "que utilidade" ten un partido que "non cumpre nin sequera os poucos acordos aos que se chega" no Parlamento.

"ANUNCIOS QUE NON SE CUMPREN"

   Así mesmo, Rodil aproveitou esta comparecencia para criticar que o PP "acostuma" nos debates de política xeral a realizar anuncios que "despois quedan en nada" e "non se cumpren".

   Tamén sinalou que o Goberno galego anuncie "avances lexislativos que non pasan de aí", entre os que menciounou o anuncio dunha lei de prevención de adiccións en menores, a lei de arquitectura ou a lei de inclusión social de Galicia, así como o programa Recupera.

   En todo caso, insistiu en que o BNG acode a este Debate sobre o Estado da Autonomía con "vontade construtiva e con propostas á altura dos retos" que ten Galicia "das necesidades dos galegos" co obxectivo de "mellorar as condicións de vida da xente", ademais de "aproveitar o talento e a enorme riqueza do país para pola ao servizo do desenvolvemento social e económico e non a rapina dun puñado de empresas".

   "Propostas serias, realistas, sempre pensando en favor de Galicia e dos galegos. Pedimos e esperamos que o PP estea á altura deste país e non pase o rodete absolutista para dicirlle non ao BNG, senón a Galicia", resolveu.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado