O BNG e o PSdeG pedirán que a Xunta se presente como parte nos casos de delitos por LGTBifobia

Publicado: martes, 21 junio 2022 13:57

   Alertan dun incremento das agresións por motivo de odio contra o colectivo

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Jun. (EUROPA PRESS) -

   O BNG e o PSdeG presentarán senllas iniciativas no próximo pleno da Cámara galega, que arrincará o 28 de xuño coincidindo co Día Internacional do Orgullo LGTBI, para instar á Xunta de Galicia a que se presente como parte nos casos de odio contra o colectivo LGTBi.

   Así o avanzaron este martes despois da reunión da Xunta de Portavoces que fixa a orde do día da sesión plenaria tanto a viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, como o portavoz parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez.

   A deputada nacionalista avisou do "incremento" de delitos de odio por motivación LGBTifóbica. "Segundo os últimos datos dos que dispomos, entre 2013 e 2020 rexistráronse polas autoridades máis de 400 delitos de odio no noso país, dos que 130 responden a ataques por orientación sexual e/ou identidade de xénero", sinalou Rodil, que lembrou o asasinato na Coruña do mozo Samuel Luiz.

   Por iso, avanzou que a súa formación defenderá na sesión unha proposición non de lei a través da que reclamará á Xunta de Galicia que se persente como parte nos casos nos que se producen delitos de odio, de acordo co que tipifica o Código Penal, e que o faga, ademais, como se fai noutros asuntos como en materia de violencia machista.

   Así mesmo, pediu que se doten de todos os recursos, especialmente os formativos, a todas as persoas e profesionais do ámbito público que interveñen en situacións de LGTBifobia; e reclamou a posta en marcha dun plan de educación afectivo sexual destinado ao ensino obrigatorio que abarque ao conxunto do alumnado, adaptado a cada etapa educativa.

INICIATIVA DO PSDEG

   Pola súa banda, conforme destacou o socialista Luís Álvarez, o Grupo Parlamentario do PSdeG defenderá outra proposición non de lei na que pedirá que o Goberno galego acudir como acusación popular nos casos de asasinatos ou agresións por LGTBifobia.

   Luis Álvarez lamentou a "triste realidade de agresións que se seguen producindo" e advertiu tamén de que "hai un número moi elevado de persoas deste colectivo, ao redor dun 91%" en Galicia que consideran que "é necesario ocultar a súa orientación sexual cara ao ámbito laboral porque consideran que é un inconveniente".

   Neste contexto, o portavoz parlamentario do PSdeG censurou que os orzamentos da Xunta só destinen "21.000 euros", o "0,002% do total" a políticas para este colectivo.

   Así as cousas, propuxo impulsar, xunto cos concellos, servizos municipais de información e atención a este colectivo, con persoal especializado e dotación orzamentaria adecuada; así como un incremento do orzamento para o colectivo.

Leer más acerca de: