O BNG reclama un sistema público que garanta o dereito a unha vellez digna

A viceportavoz do BNG no Parlamento de Galicia, Olalla Rodil, nunha rolda de prensa.
BNG
Publicado: lunes, 5 diciembre 2022 14:59

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 5 Dic. (EUROPA PRESS) -

   A viceportavoz do BNG no Parlamento de Galicia, Olalla Rodil, reclamou este luns un sistema público que "garanta o dereito a unha vellez digna" centrado nas persoas e non "nos intereses empresariais".

   En rolda de prensa na Cámara galega, Rodil defendeu que Galicia "xa ten un cuarto de poboación con máis de 65 anos", algo que recoñeceu "é motivo de orgullo", pero tamén ten a "responsabilidade" de garantir que as persoas maiores "gocen de boa saúde, calidade de vida e benestar".

   Así, reflexionou que tiña a convicción de que a pandemia "debía ser un punto de inflexión", xa que "puxo en evidencia a atención aos maiores".

    Ante esto, explicou que durante os últimos anos o BNG impulsou "múltiples iniciativas", incluída unha "proposición de lei galega de residencias" porque, asegurou, o modelo de residencias converteuse "nun negocio" con "máis do 80% en mans privadas e regadas con inxentes cantidades de diñeiro público". "100 millóns de euros ao ano", concretou.

   "Pasaron máis de dous anos e a pesar dos anuncios vemos que todo segue igual. O goberno do PP non cambiou nada e este Parlamento a día de hoxe continúa sen poder acceder aos datos de persoas falecidas con Covid-19 nas residencias galegas", apuntou Rodil.

   Neste sentido, lamentou que a Xunta "non modificou a normativa que regula estes centros" e tampouco "os cocientes de persoal", así como "un límite de prazas máximo" nin se cambiou "o modelo de inspección".

   Ademais, criticou que non se construíu "ningunha residencia pública" e descoñécese "cal vai ser o modelo de xestión das sete que constrúe a Fundación Amancio Ortega".

   "Imos seguir denunciando o que está a pasar no país e defendendo a necesidade de que se implante un sistema público de coidados que garanta o dereito a unha vellez digna, que despregue unha rede de servizos públicos e fortes, co domicilio como unidade central, que garanta condicións de traballo dignas para quen nos coida, e que garanta o acceso á información", defendeu a deputada nacionalista.

Leer más acerca de: