SANTIAGO DE COMPOSTELA 19 Feb. (EUROPA PRESS) -
A CIG demanda a Ferroatlántica a reactivación dos fornos e "garantías de estabilidade" no emprego e a produción "como paso previo" ao comezo das negociacións.
As dúas primeiras reunións da negociación do expediente de regulación de emprego temporal (ERTE), celebradas este luns e martes en Madrid, "están a servir para constatar o que a CIG vén denunciando desde o primeiro momento", sinala.
Así, denuncia que as medidas propostas constitúen "un auténtico despropósito e que non existen causas obxectivas que justifiquen o expediente".
Para xustificar o ERTE, indica que a empresa se refire ao custo da enerxía e da materia prima, "pero obvia que ten concesións para explotar as centrais e as minas".
En calquera caso, entende que para avanzar nas negociacións "primeiro débese producir un arranque inmediato dos fornos, así como achegar garantías efectivas de estabilidade no emprego e na capacidade produtiva das fábricas".
A central reclamou á compañía "que retire todos os recursos" interpostos contra a decisión da Xunta de non autorizar a segregación e venda das centrais.
Xunto a isto, demandou unha redución "considerable" do tempo de regulación proposta porque "na actual conxuntura, un ERTE de dous anos non é aceptable baixo ningunha circunstancia".