Constituídas as comisións parlamentarias da XII Lexislatura sen pistas sobre o novo goberno de Alfonso Rueda

Sesión constitutiva da Deputación Permanente do Parlamento de Galicia
EUROPA PRESS
Publicado: lunes, 1 abril 2024 17:36

   O Partido Popular mantén as presidencias das comisións, excepto a de Economía, que volverá ocupar a nacionalista Noa Presas

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Abr. (EUROPA PRESS) -

   As comisións do Parlamento galego na XII Lexislatura quedaron constituídas na mañá deste luns sen arroxar ningunha pista sobre as persoas que integrarán o novo goberno de Alfonso Rueda, quen incluíu a todos os actuais membros do seu Executivo en funcións na Deputación Permanente.

   Deste xeito, forman parte do órgano que substitúe ao pleno en períodos non hábiles o propio presidente en funcións, Alfonso Rueda e todos os conselleiros en funcións: Diego Calvo, Ángeles Vázquez, Miguel Corgos, Elena Rivo, Fabiola García, Román Rodríguez, María Jesús Lorenzana, José González, Julio García Comesaña e Alfonso Villares.

   Polo BNG, ademais da portavoz Ana Pontón, integran a Deputación Permentente Olalla Rodil, Luís Bará, Noa Presas, Rosana Pérez, Mercedes Queixas e Iago Tabarés.

   O PSdeG estará representado pola vicesecretaria da Mesa, Patricia Iglesias, a parlamentaria Elena Espinosa e o secretario xeral e portavoz parlamentario, José Ramón Gómez Besteiro. Precisamente, o político lucense non participou este luns na sesión de constitución debido a que, tal e como sinalaron fontes socialistas, tiña unha cita médica. Por iso, tivo que ser substituído pola exalcaldesa de Lugo, Lara Méndez.

   Ademais, forma parte deste órgano que substitúe ao pleno en períodos non hábiles o parlamentario de Democracia Ourensana, Armando Ojea, quen participa en todas as comisións parlamentarias, excepto na de Pesca.

   A Deputación Permanente está presidida polo titular do Lexislativo galego, Miguel Santalices, conta coa popular lucense Elena Candia como vicepresidenta, e con Montse Prado (BNG) como secretaria. Estes membros da Mesa tamén forman parte das direccións das comisións de Regulamento, Peticións e Estatuto do deputado.

ALTOS CARGOS NAS COMISIÓNS

   O Grupo Parlamentario Popular non inclúe a ningún dos dez conselleiros --despois da saída de Ethel Vázquez para a Secretaría da Mesa do Parlamento-- nas comisións parlamentarias, nas que si figuran algúns populares que ocuparon altos cargos na anterior lexislatura. Todos eles tiveron que deixar as súas responsabilidades para concorrer nas listas aos comicios do 18F.

   Este é o caso do que era secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, quen foi elixido vicepresidente da comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior. Neste órgano parlamentario ocupa a Presidencia a tamén deputada pola provincia de Ourense, Marisol Díaz Mouteira e a socialista Pomba Castro a Secretaría.

   Ademais, o que era delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, foi elixido como vicepresidente da comisión da CRTVG, que ten á popular Raquel Arias como presidenta e á nacionalista Alexandra Fernández como secretaria.

   Os exdelegados da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e Ferrol, Martina Aneiros, desempeñarán a vicepresidencia e a secretaría da Comisión 3ª, de Economía, Facenda e Orzamentos. Como este tradicional, a presidencia deste órgano volve recaer no primeiro partido da oposición e, de novo, estará ocupada pola nacionalista Noa Presas Bergantiños.

   Ademais, outro exdelegado da Xunta, neste caso o da provincia de Ourense, Gabriel Alén, ocupa a vicepresidencia da Comisión 4ª de Educación e Cultura. Un órgano que preside o parlamentario carballés Rubén Lorenzo e que ten como secretario ao nacionalista Daniel Castro.

   A que fose conselleira de Educación durante unha das etapas de Alberto Núñez Feijóo na Presidencia da Xunta, Carmen Pomar, será a presidenta da comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos; mentres que María Martínez (PP) ocupará a vicepresiencia e Paulo Ríos (BNG) a secretaría.

   A comisión 5ª, de Sanidade, Política Social e Emprego está presidida pola deputada do PP de Ourense Noelia Pérez e conta co popular coruñés Roberto Rodríguez Martínez como vicepresidente. Ademais, Iria Carreira (BNG) é a secretaria.

   As populares Cristina Sanz e Victoria Núez desempeñarán a presidencia e vicepresidencia, respectivamente, da Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, que terá ao parlamentario do Bloque Ramón Fernández Afonzo como secretario.

   A dirixente popular e vicepresidenta do Parlamento, Elena Candia, preside a Comisión 7ª, de Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes; co tamén popular José Silvestre Balseiros na vicepresidencia e a nacionalista Montserrat Valcarce na secertaría.

   Ademais, o deputado popular pola provincia de Lugo José Manuel Balseiro preside a Comisión 8ª, de Pesca e Marisqueo. Neste órgano a popular Marta Mariño ocupará a vicepresidencia e a nacionalista Carmela González a secretaría.

   Por último, o parlamentario compostelán do PP Borja Verea será o presidente da Comisión para as Relacións co Consello de Contas, con Carmen Pomar como vicepresidenta e o socialista Julio Abalde como secretario.

   A composición destes órganos previsiblemente verase alterada cando se produzan os nomeamentos do novo goberno.

   As COMISIÓNS PERMANENTES CRECEN DE 12 A 17 MEMBROS

   Coa entrada do deputado de DO, Armando Ojea, as comisións permanentes crecen de 12 a 17 membros co obxectivo de que se reflicta a proporcionalidade do pleno. Deste xeito, o PP contará con nove parlamentarios, o BNG con cinco e o PSdeG manterá dous.

   A xornada transcorreu con total cordialidade no Pazo do Hórreo, na que a constitución dos órganos parlamentarios transcorreu sen sorpresas. As únicas anécdotas foron protagonizadas por algún deputado que se equivocou coa cor da papeleta durante as votacións para escoller a integrantes das direccións das comisións, como foron os casos da popular Cristina Sanz e o nacionalista Luís Bará.

DA OPOSICIÓN "FIRME" Á PETICIÓN DE "TON CONSTRUTIVO"

   Nunha xornada na que o Parlamento viviu un novo paso no arranque da XII Lexislatura, a viceportavoz do BNG Olalla Rodil destacou a repartición de áreas no seu grupo xa plasmado durante a constitución das comisións, pero a alza numérica após o 18F permitiralles, ademais, remarcou, completar unha distribución territorial por comarcas.

   "Desta maneira, cada deputada e deputado será referencia no seu territorio para trasladar ao Parlamento os problemas e preocupacións da xente", indicou Rodil, quen avanzou un traballo "moi pegado ao territorio".

   A parlamentaria nacionalista salientou que cada integrante deste grupo "ampliado" na última cita coas urnas traballará por "dar o mellor de si" para facer "unha oposición firme e construtiva" como corresponde á forza política "que lidera a oposición e aspira a gobernar o país".

   Polo arranque do mandato foi preguntado tamén o portavoz do PPdeG na Cámara, Alberto Pazos, nun escenario no que o BNG anticipou, ademais, que non descarta impulsar unha comisión de investigación sobre os contratos da pandemia se o PPdeG non realiza unha "auditoría externa".

   Pazos esgrimiu que non lle "sorprende" e lembrou que o propio Rueda xa "renunciou" aos "cen días de cortesía" habituais cando se toman as rendas dun goberno. Así, ratificou que, se a oposición opta por "un ton construtivo", atopará "man tendida" no Grupo Popular. "Se van a outras cousas, a resposta será a dos informes e argumentos", resolveu.