Cvirus.- Comeza a vacinación da cuarta dose contra a covid nos centros de saúde

Un enfermeiro vacúa a unha muller contra a covid-19
Jesús Hellín - Europa Press
Publicado: lunes, 17 octubre 2022 13:03

A CORUÑA, 17 Oct. (EUROPA PRESS) -

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, confirmou que este martes día 18, "tal e como estaba prometido e comprometido", comeza a vacinación da cuarta dose contra a covid-19 nos centros de referencia a aquelas persoas que "non puideron ou non quixeron" acudir aos vacunódromos.

Comesaña informou de que foron vacinadas en Galicia coa cuarta dose contra a covid un total de 173.000 persoas maiores de 60 anos, das que 151.000 pasaron polos vacunódromos. No seu domicilio, recibiron a dose 2.400 individuos.

Segundo a planificación elaborada polo departamento da Consellería de Sanidade, este luns termina a vacinación do grupo etario de entre 80 e 84 anos e, este martes, comezarase a citar nos centros de atención primaria a todas aquelas persoas maiores de 85 anos que non recibisen a dose de reforzo da covid-19.

O pasado venres comezou tamén a vacinación á poboación de entre 70 e 79 anos nos puntos masivos, segundo lembrou o titular de Sanidade.

GRIPE

No relativo á vacinación da gripe en persoas maiores de 60 anos, o conselleiro destacou que o 94,6% dos usuarios aceptou a administración conxunta da vacina da gripe e da covid-19. "Dato moi significativo e importante", puntualizou.

Comesaña fixo estas declaracións na rolda de prensa de presentación do proxecto da Torre Polivalente do novo complexo hospitalario da Coruña (Chuac).