VIGO 1 Abr. (EUROPA PRESS) -
O secretario xeral do PSdeG na provincia de Pontevedra, David Regades, presentou este luns a súa renuncia á acta de deputado no Congreso, que será efectiva a partir deste mércores 3 de abril, cando será designado delegado do Estado na Zona Franca de Vigo (cargo que xa ocupou desde verán de 2018 e até o verán de 2023), segundo fontes consultadas por Europa Press.
No escrito rexistrado este luns, Regades traslada á Mesa do Congreso a súa decisión de renunciar á acta, lograda como deputado pola circunscrición de Pontevedra, e agradece aos servizos da Cámara "as atencións recibidas".
David Regades, que foi xefe de gabinete do alcalde de Vigo e posteriormente concelleiro, foi nomeado delegado de Zona Franca en xullo de 2018, após a chegada de Pedro Sánchez ao Goberno. En xuño de 2023 despediuse do cargo para formar parte, como cabeza de lista, da candidatura do PSOE pola provincia de Pontevedra para as eleccións xerais.
O propio alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, confirmou publicamente en varias ocasións que a persona que relevaría a Regades á fronte do organismo estatal sería Ana Mejías, que xa forma parte do Comité Executivo como vogal, aínda que finalmente non será así.
O nomeamento de Regades como Delegado de Zona Franca será aprobado este martes en Consello de Ministros e, previsiblemente, publicado no BOE do mércores.
A saída do vigués do grupo parlamentario socialista implicará a entrada dun novo deputado por Pontevedra. A seguinte candidata na lista é a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena (que asumiu o mando local após a renuncia de Manuel Cuíña para ir nas listas do PSdeG para as eleccións autonómicas do pasado febreiro), aínda que está por ver se deixará o Concello.
No caso de que opte por seguir na política municipal, o seguinte na lista é o alcalde da Cañiza, Luís Piña, investigado por un xulgado de Ponteareas (Pontevedra) por un presunto delito de prevaricación, após unha denuncia do PP por denegarlles supostamente o acceso a expedientes municipais.