SANTIAGO DE COMPOSTELA 13 Mar. (EUROPA PRESS) -
O xefe do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, adiantou que impulsará o consenso dos grupos parlamentarios para aprobar unha lei na Cámara autonómica co obxectivo de "apoiar e avalar" a iniciativa do Consello da Cultura Galega de "dignificar" o Panteón de Galicia.
Durante o debate sobre o Estado da Autonomía tamén se referiu ao "impulso e racionalización" da Cidade da Cultura. "Non só poñendo a funcionar todos os edificios construídos para que os primeiros visitantes empecen a facela rendible, senón orientándoa para o futuro, a través dun plan estratéxico", reivindicou.
A este respecto, sinalou que este plan estratéxico ten como obxectivo "abaratar" os custos de mantemento e abrir a Cidade da Cultura a distintos usos e ao mundo.
"Temos unha cultura ancestral, e a nosa obriga é conservala e aproveitala, como fixemos coa celebración do 800 aniversario da Catedral ou coa apertura do Centro de Arte Rupestre en Campo Lameiro", expresou.
Por outro lado, no ámbito do turismo, tamén asegurou que a Xunta "está a pechar con operadores profesionais e coa mobilización de investimentos privados" un plan para reactivar Manzaneda e "poñela a funcionar como verdadeira estación de montaña".