SANTIAGO DE COMPOSTELA 13 Mar. (EUROPA PRESS) -
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este martes que o seu gabinete "non vai descansar" ata lograr un novo modelo de financiamento autonómico "axeitado, xusto e certo".
Despois de deixar claro que se manterá o recurso de inconstitucionalidade polo "incumprimento flagrante" dos "compromisos" do anterior Goberno coas comunidades, o máximo mandatario autonómico recalcou, na súa intervención inicial no Debate sobre o Estado da Autonomía, que é preciso outro sistema de repartición dos fondos.
O novo modelo, a xuízo de Feijóo, debe permitir ás comunidades "afrontar o pagamento das prestacións públicas e esenciais" e ha de ser "xusto con todos os cidadáns de todos os territorios". Neste sentido, considerou que ten que ter en conta, na súa xusta medida, factores como a dispersión ou o envellecemento".
En canto á última característica que referiu, que o modelo sexa "certo", o xefe do Executivo galego resaltou que a súa aprobación ten que de supoñer "que se cumpra" coas autonomías.