VIGO 14 Nov. (EUROPA PRESS) -
A Garda Civil detivo na mañá deste xoves ao presunto asasino da moza de 36 anos, Estela B.S., que foi localizada morta na vivenda da súa exparella na zona das Ínsuas, na parroquia baionesa de Belesar, na madrugada do pasado venres, día 8 de novembro.
Segundo fontes da Benemérita consultadas por Europa Press, o home chamaría ao cuartel da Garda Civil de Baiona debido a que "non aguantaba a presión da procura", polo que máis tarde foi detido na parroquia de Belesar, mesma onde residía e onde sucederon os feitos.
En concreto, foi detido sobre as 07.00 horas deste xoves, despois de seis días de procura e após pasar case unha semana escondido no mesmo lugar.
Así, foi trasladado a Vigo, onde se lle está tomando manifestación e, após isto, pasará a disposición xudicial.
O detido tivera unha relación sentimental coa muller e tiña denuncias previas por violencia de xénero. De feito, o xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo ditou o pasado mes de abril unha orde de afastamento da vítima, que estaba rexistrada no sistema de seguimento VIOGEN, cualificada como de "risco medio".
Na madrugada do pasado venres, o propio home, Humberto G.R., chamou ao 112 para informar de que se atopou a Estela á porta do seu domicilio e que a meteu na vivenda e tapado cunha manta.
Con todo, cando chegaron os sanitarios (que só puideron confirmar o falecemento), o home fuxiu do lugar, alegando que non tiña nada que ver coa morte da moza e que el non ía comerse " ese marrón".