Os feitos están a ser investigados pola policía e o xulgado de instrución número 2
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 Nov. (EUROPA PRESS) -
Os tres implicados na morte violenta do coñecido dono dunha carnicería da praza de abastos de Santiago foron xa detidos por axentes da Policía Nacional, segundo informan fontes da investigación.
As detencións foron sucedéndose ao longo da mañá e producíronse as tres na capital galega. Os axentes tiñan identificadas as tres persoas desde primeira hora.
Os feitos polos que foron arrestados ocorreron na madrugada deste martes, cando o placeiro, Antonio Costa, propietario de Chelo & Muñico, atopábase entrando no recito.
Foi entón cando se produciu unha "pelexa" na que a vítima recibiu un golpe na cabeza, aínda que a autopsia deberá determinar se polo impacto dun obxecto ou ao caer ao chan. Non hai constancia de que levasen diñeiro do lugar.
O 061 recibiu alerta ás 4,43 horas pola agresión a este home de 60 anos. Até o lugar desprazáronse dúas ambulancias e persoal sanitario da PAC de Santiago. De tal forma, Antonio Costa faleceu no lugar.
CONMOCIÓN
A praza foi acordoada durante unhas horas até o levantamento do corpo e reabriu preto das 8,45 horas. Despois, entre gran conmoción polo sucedido, os placeiros repartiron e colocaron crespóns negros nos seus negocios e convocaron un minuto de silencio en sinal de pésame.
Até o lugar trasladouse a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, quen lamentou este falecemento "despois dun altercado". Remarca que a investigación está baixo segredo de sumario, baixo dirección da Policía Nacional, e esperarase á autopsia para esclarecer os feitos. Así, mandou un "fortísimo abrazo e todas as condolencias" aos familiares das vítimas.
Tamén acudiu á praza o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro. O xulgado que se atopaba de garda no momento dos feitos era o de instrución número 2.