Cumpriu condena na Lama e logo no CIS de Vigo, e estaba en liberdade total desde xaneiro deste ano
VIGO, 25 Oct. (EUROPA PRESS) -
Un dos dous homes detidos pola Policía Nacional, pola súa implicación nun roubo cometido a principios de mes nunha empresa do barrio vigués de Teis, é José Manuel Rodríguez Lamas, alias 'El Pulpo', de 57 anos de idade, que foi condenado a penas que sumaron 125 anos de prisión por matar a tres persoas nun hostal de Vilaboa en 1997 e a unha cuarta, da que non desvelou o seu paradoiro até anos despois.
Segundo confirmou do subdelegado do Goberno na provincia de Pontevedra, Abel Losada, a detención deste "vello coñecido" das forzas de seguridade foi un "éxito" que ten que ver coa campaña policial de prevención da delincuencia, centrada en roubos a persoas, en vehículos e establecementos, delitos que "xeran gran percepción de inseguridade".
Por iso, celebrou a actuación dos axentes, e explicou que a detención foi posible polas sospeitas dos propios policías, que lle interviñeron a el e a outra persona que o acompañaba (tamén con antecentes por delitos de furto e roubo), diverso material e as chaves dun vehículo Volvo que subtraera.
Segundo informaba a Policía Nacional nas últimas horas, na madrugada do 7 de outubro os ladróns forzaron o acceso a unha empresa de informática no barrio de Teis, e levaron material informático, teléfonos, cartóns de crédito que logo utilizaron e un coche.
O traballo policial permitiu identificar a dous sospeitosos como presuntos autores do roubo, un deles 'El Pulpo'. No rexistro da vivenda dun dos implicados atopáronse outros efectos roubados. Igualmente, recuperouse o coche subtraído.
José Manuel Rodríguez Lamas foi detido en febreiro de 1997 como suposto autor do asasinato de catro acodes, uns días antes, nun hostal de Paredes, no municipio pontevedrés de Vilaboa. Os feitos tiveron a súa orixe nunha débeda por drogas e acabaron cunha matanza múltiple. O cadáver dunha das vítimas non se atopou até 8 anos despois, cando 'El Pulpo' confesou que o escondera nun pozo de Ponteareas.
Por estes feitos, Rodríguez Lamas foi condenado a penas que sumaron 125 anos de cárcere (que logo rebaixou en seis anos o Tribunal Supremo). 'El Pulpo' cumpriu a súa condena na Lama e, xa co terceiro grao, no Centro de Integración Social Carmen Avendaño de Vigo, e en xaneiro de 2024 quedou en liberdade total.
O subdelegado do Goberno felicitou á Policía polo seu traballo e puxo en valor a efectividade da campaña de prevención, que é "fundamental". Con todo, e aínda que "non se pode baixar a garda", quixo enviar unha "mensaxe de tranquilidade, porque a Policía e a Garda Civil "están aí".