SANTIAGO DE COMPOSTELA 12 Nov. (EUROPA PRESS) -
A policía detivo a unha segunda persona involucrada na morte violenta do dono da carnicería Chelo & Muñico na madrugada deste martes na praza de abastos de Santiago. Os axentes contan con dar co terceiro involucrado, xa identificado, nas próximas horas.
Segundo informan fontes próximas á investigación a Europa Press, os feitos ocorreron cando o placeiro se atopaba entrando no recito. Foi entón cando se produciu unha "pelexa" na que a vítima recibiu un golpe na cabeza, aínda que a autopsia deberá determinar se polo impacto dun obxecto ou ao caer ao chan. Non hai constancia de que levasen diñeiro do lugar.
O 061 recibiu alerta ás 4,43 horas por agresión a este home de 60 anos. Até o lugar desprazáronse dúas ambulancias e persoal sanitario da PAC de Santiago. De tal forma, Antonio Costa faleceu no lugar.
A praza foi acordoada durante unhas horas até o levantamento do corpo e reabriu preto das 8,45 horas. Despois, entre gran conmoción polo sucedido, os placeiros repartiron e colocaron crespóns negros nos seus negocios e convocaron un minuto de silencio en sinal de pésame.
Até o lugar trasladouse a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, quen lamentou este falecemento "despois dun altercado". Remarca que a investigación está baixo segredo de sumario, baixo dirección da Policía Nacional, e esperarase á autopsia para esclarecer os feitos. Así, mandou un "fortísimo abrazo e todas as condolencias" aos familiares das vítimas.
Tamén acudiu á praza o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro. O xulgado que se atopaba de garda no momento dos feitos era o de instrución número 2.