SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Sep. (EUROPA PRESS) -
A Consellería do Medio Rural da por estabilizado o incendio forestal de Muíños (Ourense), na parroquia de Requiás, que afecta a 45 hectáreas dentro do Parque Natural de Baixa Limia-Serra do Xurés.
O lume comezou ás 18.47 horas deste venres e quedou estabilizado sobre as 6.38 horas deste sábado. Para a súa extinción mobilizaron a 16 axentes, 29 brigadas, 13 motobombas, dúas pas, un técnico, sete helicópteros e oito avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún incendio forestal.
Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria: 900 815 085.