EU oponse ao cobramento das estanzas en hospitais e chama a mobilizarse por unha sanidade "pública e gratuíta"

Actualizado: jueves, 8 diciembre 2011 20:36

SANTIAGO DE COMPOSTEla 8 Dic. (EUROPA PRESS) -

Esquerda Unida (EU) remitiu un comunicado este xoves no que se opón ao cobramento aos pacientes polas estanzas en hospitais, despois de que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, formulase a posibilidade de "estudar" a aplicación de taxas por gastos non sanitarios como "as comidas ou as duchas".

"Un hospital non é unha pensión e a hospitalización dun paciente é necesaria para a prestación dunha correcta asistencia sanitaria", defendeu EU, para sinalar que as persoas son hospitalizadas porque están "enfermas", non para "estar de vacacións" nin para "aforrar o diñeiro da comida e a ducha que gastan na súa casa".

Tras estas declaracións e as últimas medidas adoptadas pola Xunta en materia de sanidade, EU chamou á "mobilización sostida" na defensa dunha sanidade "pública e gratuíta", prestada "sen excepcións" con medios públicos, para o que considera necesario a reforma da lei aprobada durante a pasada lexislatura.