O decreto do plurilingüismo, reformas de estabilidade financeira e medidas para a recuperación económica centran o seu legado lexislativo
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Abr. (EUROPA PRESS) -
Un total de 148 normas en 13 anos conforman a produción lexislativa baixo o mandato do xa líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, que será o primeiro presidente galego en dimitir de forma voluntaria do seu cargo. Farao en breve sen chegar ao ecuador da súa cuarta lexislatura e, desde unha perspectiva cuantitativa, converterase no segundo mandatario que máis textos sacou adiante, só superado por Manuel Fraga con 161 --13 máis--, aínda que é certo que se mantivo dous anos máis no poder.
Feijóo pecha a súa etapa de presidente autonómico con 148 normas aprobadas na Cámara (entre leis e outros textos con rango lexislativo), ningunha delas nos meses que van 2022. As últimas, que datan do 27 de decembro de 2021, son os orzamentos para 2022 e a lei de medidas que os acompañan.
Após o aínda presidente e o seu antecesor á fronte do PPdeG, o que máis leis conseguiu sacar durante o seu mandato foi o socialista Emilio Pérez Touriño, con 54 textos aprobados na VII lexislatura (2005 - 2009), na que compartiu coalición co BNG.
Durante o tempo do primeiro xefe da Xunta, Gerardo Fernández Albor, aprobáronse 50 leis entre a I lexislatura (1982 - 1985) e parte da II. Albor foi desbancado por unha moción de censura da que saíu presidente o socialista Fernando González Laxe, quen gobernou algo máis de dous anos (1987 - 1989) nos que a Cámara sacou adiante 34 textos.
Da I lexislatura, con Albor na Xunta, tiveron unha gran importancia para o desenvolvemento da autonomía normas como a que en 1982 fixou a sede das institucións; a que en 1983 estableceu os símbolos, a bandeira e o himno da Comunidade; a que en 1984 creou o Valedor do Pobo; e a lei electoral de 1985, entre outras.
NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
Un dos fitos para a Comunidade foi a lei de normalización lingüística de 1983, que entre outros asuntos estableceu o estudo obrigatorio do galego no ensino como materia e que os topónimos teñen como "única forma oficial" a galega.
A lei de normalización trasladouse ás escolas con Fraga e dous decretos do seu Goberno de 1995 e 1997, que fixaron "o mesmo número de horas" para as linguas galega e castelá na docencia. Anos máis tarde, Feijóo impulsou unha das súas promesas electorais máis polémicas e que lle custou as acusacións da oposición de "romper o consenso" lingüístico que se mantiña desde os tempos de Fraga: o decreto para o plurilingüismo no ensino.
SANIDADE
A primeira lei en materia de saúde foi a de sanidade escolar de 1983, pero non foi até 1989, con Laxe, cando se aprobaría a lei de creación do Servizo Galego de Saúde (Sergas), reformada na época de Fraga en 1991 para acelerar o traspaso de competencias do Insalud. Tamén dos mandatos do 'león de Vilalba' é a lei de ordenación sanitaria (2003), que estableceu o máximo de 180 días de espera para intervencións cirúrxicas.
En 2008, co bipartito de PSdeG e BNG, aprobouse a actual lei de saúde, modificada nos mandatos de Feijóo en diversas ocasións. En 2017, reformouse o mapa sanitario de Galicia ao pasar de 11 a 7 as áreas sanitarias.
Outra polémica modificación, de febreiro de 2021, tivo a intención de combater a pandemia, segundo argumentaba o Goberno galego e o PPdeG. Entre as medidas, que suscitaron non só protestas de grupos negacionistas --chamábana 'Lei Auschwitz'-- senón tamén as críticas da oposición, atopábanse multas por saltarse confinamentos e para persoas que rexeiten vacinarse ou facerse probas, pero só no caso de que as autoridades sanitarias establecesen a súa obrigatoriedade.
O Goberno chegou a presentar recurso de inconstitucionalidade contra esta norma, que retirou ao chegar a un acordo no que se aclaraba o carácter voluntario da vacinación.
REFORMAS MOTIVADAS POLA CRISE ECONÓMICA
En clave económica, os pasos lexislativos de maior calado producíronse por mor da crise financeira do 2008. Feijóo tomou as rendas da Xunta en 2009 e nos seus primeiros anos o Parlamento aprobou baixadas de impostos, por exemplo o IRPF, as sucesións, e a compra de vivenda habitual para mozas e familias numerosas.
Naquela época, seguindo o pacto de estabilidade financeira da Unión Europea e as reformas aprobadas polo Goberno central nos últimos anos de Zapatero e os primeiros de Rajoy, o Executivo de Feijóo lanzou en 2011 e 2012 senllas leis de disciplina orzamentaria. Galicia foi pioneira en fixar por lei os teitos de gasto financeiros.
Tamén neste contexto económico, en 2010 aprobouse unha lei de racionalización do gasto farmacéutico --con votos a favor de PPdeG e BNG-- que deu pé a un catálogo prioritario de medicamentos que foi recorrido por parte do Goberno central. O Tribunal Constitucional avalou a súa legalidade en 2014.
Do primeiro mandato de Feijóo tamén foi a nova lei galega de caixas de aforros aprobada en 2009, que quedaría sen aplicación práctica após a fusión de Caixa Galicia e Caixanova en 2010 para crear NovaCaixaGalicia, que en 2012 pasou a ser Novagalicia Banco até a súa compra en 2014 pola venezolana Banesco, que a converteu en Abanca. Precisamente, sobre a fusión das caixas constituíuse no verán de 2012 --hai case unha década-- no Parlamento unha comisión de investigación cuxas conclusións seguen pendentes.
REACTIVACIÓN ECONÓMICA
Concluída a fase máis crúa da crise a partir do terceiro mandato do de Vos Peares, o Parlamento aprobou en 2017 dúas importantes normas como foron a lei de impulso ao crecemento económico e reforzo do gasto social, así como a lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais, alcumada como 'lei de depredación' pola oposición e que implantou bonificacións fiscais e reducións de cargas burocráticas.
Por leste mesmo camiño continuou, aínda que nun contexto de crise económica xerada pola pandemia, a lei de simplificación administrativa do 2021, aprobada no Parlamento o mesmo día que a polémica reforma da lei de saúde.
Este texto tivo o obxectivo de acompañar o crecemento poscovid axilizando a tramitación dos fondos europeos nos proxectos tractores, reducindo burocracia e rebaixando impostos, especialmente en zonas rurais e despobladas.
OUTROS FITOS LEXISLATIVOS
Do histórico de leis autonómicas tamén cabe lembrar que en 1992 Fraga reformou a lexislación electoral para subir do 3% ao 5% o limiar de votos que debe conseguir unha candidatura nunha circunscrición para entrar no Parlamento e para facer inelegibles a outros cargos públicos como, por exemplo, alcaldes.
En materia de igualdade de xénero, baixo o mandato de Touriño a Cámara sacou adiante a lei galega contra a violencia machista de 2007, que foi reformada até tres veces con Feijóo xa na Xunta. A primeira modificación, de 2016, reforzou as axudas ás mulleres vítimas. Os dous restantes son do 2021: unha primeira proposta polo BNG para introducir a violencia vicaria e a segunda, do PP, para previr condutas como o ciberacoso, o 'grooming' e a sextorsión.
Con respecto ao territorio, sentaron bases as leis de ordenación do territorio de 1995 e do chan de 2002, reformadas sucesivamente até ser substituídas nos últimos polas normas actualmente en vigor. Un fito en materia de protección do territorio produciuse baixo o mandato de Touriño, cando se restrinxiu a construción no litoral.